A Xunta difunde o seu proxecto de impulsar unha aldea medioambiental saudable para dinamizar o rural de Galicia desde o Parque Natural do Xurés

A directora xeral de Patrimonio Natural expón en Madrid unha iniciativa innovadora para mostrar ao mundo a implicación dos pobos ante retos como o cambio climático  

Madrid, 2 outubro 2025

A Xunta de Galicia aposta por estimular o rural e loitar contra o despoboamento, a partir dunha iniciativa innovadora que consistirá en crear a primeira aldea medioambiental saudable do mundo. A proposta, deseñada en colaboración con Aldealista e o Observatorio de Arquitectura Saludable (OAS), vai dirixida a rehabiilitar o poboado abandonado de Salgueiro, sito no concello ourensán de Muíños, no corazón do Parque Natural Baixa Limia-Serra Xurés.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe no II Congreso Nacional de Arquitectura Saludable que, organizado por OAS, reuniu en Madrid a arquitectos, urbanistas, investigadores, enxeñeiros, promotores, construtores e profesionais da saúde. O evento, centrado nos principios da arquitectura saudable, fomenta o intercambio de experiencias prácticas no deseño de espazos que favorecen a saúde e o benestar, coa idea de que os expertos reflexionen e exploren solucións innovadoras sobre os retos actuais.

A aldea de Salgueiro, un espazo deshabitado propiedade da Xunta de Galicia, está localizada nunha comarca ourensá rica polo seu patrimonio natural e pola súa cultura, que conta con potencial para revitalizarse. Neste contexto, Marisol Díaz explicou que o que se pretende é converter este espazo nunha aldea medioambiental saudable, con actuacións para atraer a novos residentes e turistas, impulsar o desenvolvemento económico e o emprego, e que inclúen tamén a mellora das infraestruturas e servizos.

Este proxecto ten carácter innovador e quere mostrar ao mundo a implicación dos pobos ante retos como o cambio climático. Asemade, engadiu que a iniciativa busca servir de exemplo para outras aldeas e demostrar que o medio ambiente é capaz de xerar vida e condicións saudables que permiten recuperar poboación e artellar unha economía circular no rural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2025