A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade
A Xunta colaborará co concello de Trasmiras para mellorar o servizo de abastecemento de auga potable
Ángeles Vázquez traslada que persoal de Augas de Galicia estudará a documentación para construír un novo depósito de auga potable
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Trasmiras, Emilio José Pazos, reuníronse esta tarde para abordar cuestións de interese para o municipio en materia de augas.
En concreto, analizaron o proxecto municipal para a construción dun novo depósito de auga potable para mellorar o servizo de abastecemento na localidade. Nese senso, a conselleira explicoulle ao rexedor que o persoal técnico de Augas de Galicia analizará a documentación aportada polo Concello para determinar se é preciso realizar algunha corrección para garantir a súa viabilidade.
A continuación, en canto o documento técnico sexa definitivo, estudaranse posibles vías de colaboración para acometer o seu financiamento.
Cómpre lembrar que, aínda que a prestación deste servizo é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación, así como a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.