O presidente da Xunta participou na xornada inaugural do VII Foro La Toja
Rueda reivindica o valor dos vínculos de Galicia co mundo e chama a fortalecer consensos fronte a quen pretende rompelos
Subliña o interese e relevancia consolidada deste encontro como un espazo de reflexión para xerar ideas coas que enfrontar os distintos retos globais
Enxalza o papel galego como terra aberta conectada con Europa a través do Camiño de Santiago e con América cos fortes lazos históricos
Salienta o exemplo de figuras como Miquel Roca e Miguel Herrero y Rodríguez de Miñón, galardoados co Premio Josep Piqué do Foro, aos que recoñece como construtores da democracia española
Defende a necesidade dunha política con maiúsculas feita por bos políticos no amplo sentido da palabra
O Grove (Pontevedra), 2 de outubro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na xornada inaugural do VII Foro La Toja, onde salientou o valor dos vínculos da nosa comunidade co mundo ao longo da historia e chamou a fortalecer consensos fronte a quen pretende rompelos.
Na súa intervención, o titular do Executivo galego subliñou o interese e relevancia consolidada deste encontro como un espazo de reflexión para xerar ideas coas que enfrontar os distintos retos globais nun espazo cun “valor especial”, a Illa da Toxa. Ademais, explicou que o Foro naceu e medrou en Galicia por ser unha terra acolledora, con identidade propia e vínculos internos, cunha conexión con Europa “potente e duradeira” a través do Camiño de Santiago e con fortes lazos humanos con América que se manteñen ao longo do tempo.
Rueda incidiu en que o éxito deste evento reside en ser non só un faro de debate, senón tamén un faro que ilumina os grandes temas da actualidade. Neste senso, valorou que iniciativas como o Foro La Toja axudan a comprender mellor os desafíos actuais e a reforzar os vínculos que sustentan a convivencia e a cooperación internacional.
O presidente advertiu que a pugna entre “os que se esforzan por crear vínculos” e os que traballan para rompelos non é allea ao noso tempo, e puxo en valor a importancia da unidade entre os pobos e as persoas. Segundo afirmou, o vindeiro “orde mundial” debe afrontarse polos líderes políticos desde a diplomacia e o entendemento, cedendo e tendendo pontes onde outros levantan muros, sendo o uso da forza “o último recurso”, e advertiu de que non existen “atallos para responder a conflitos complexos”.
Neste sentido, Rueda referiuse á situación en Gaza, lembrando que a recente presentación de novas iniciativas internacionais amosa que o diálogo abre “unha vía á esperanza”.
Tamén o titular do Goberno galego fixo referencia ao proxecto europeo, destacando a súa ambición desde os comezos para construír e consolidar institucións sólidas, o que garante a durabilidade dos proxectos comúns. Neste punto, salientou o exemplo de figuras como Miquel Roca e Miguel Herrero y Rodríguez de Miñón, galardoados co Premio Josep Piqué do Foro, aos que recoñeceu como “construtores” da democracia española, tamén en Galicia.
Rueda defendeu a necesidade dunha política “con maiúsculas” feita por bos políticos “no amplo sentido da palabra” fronte á tentación de pensar que os problemas actuais poden resolverse só coa técnica. Para iso, sinalou que foros como o da Toxa son unha mostra da vantaxe das democracias representativas, que debaten abertamente os seus problemas, fronte ás autocracias, que os ocultan e agravan. Así, o presidente amosouse orgulloso de “estar ao fronte” dunha Galicia estable e global, “que sae ao mundo”.