O conselleiro de Sanidade interveu no acto de inauguración do I Congreso Internacional de Medicina Clínica (CIMEC), que organiza a asociación de estudantes de medicina CoMeF, Comunidade Médica en Formación
Gómez Caamaño subliña o esforzo crecente de Galicia por aumentar a formación sanitaria especializada, chegando a 682 prazas e incorporando os primeiros residentes en medicina de Urxencias
O titular da carteira sanitaria da Xunta incide no compromiso do Executivo autonómico coa formación de novos profesionais no seu propósito de reter talento
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que Galicia ten novamente a maior oferta de formación sanitaria especializada, con 682 prazas, e comezará a formar aos primeiros residentes especializados en Medicina de Urxencias, o que amosa o compromiso da Xunta coa formación de novos profesionais no seu propósito de reter talento e seguir a avanzar.
Antonio Gómez Caamaño interveu no acto de inauguración do I Congreso Internacional de Medicina Clínica (CIMEC), que organiza asociación de estudantes de medicina CoMeF, Comunidade Médica en Formación.
Este congreso aborda cuestións claves para a práctica clínica, como o manexo integral do paciente complexo, a medicina baseada na evidencia científica ou os avances en inmunoterapia e cancro de páncreas.
En relación á medicina de precisión, que é o futuro, cómpre lembrar que a Xunta aprobou eta semana a compra de medicamentos CAR-T para o tratamento do mieloma múltiple, cun investimento de 100 millóns de euros, que permitirá tratar a máis de 250 pacientes.
Tamén esta semana o Executivo galego anunciou a posta en marcha o vindeiro ano dun novo ensaio clínico para cancros avanzados.
Para concluír a súa intervención, o conselleiro sinalou a importancia de traballar xuntos para mellorar o sistema sanitario. Ao respecto, puxo en valor que desde a Comunidade Médica en Formación se leva a cabo un labor magnífico, dando apoio aos estudantes de Medicina desde os primeiros anos de carreira.