A Xunta adxudica por máis de 400.000 euros o servizo de xestión integral da roupa de traballo do persoal inspector veterinario destinado nos matadoiros e lonxas

Tendo en conta un stock de seguridade, subministraranse en total 1.500 batas, 1.500 pantalóns e 202 chalecos de frío para inspectores veterinarios e persoal substituto

A indumentaria para desenvolver o traballo diario ten que ser periodicamente lavada e desinfectada

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025

A Xunta adxudicou, por valor de  400.122,80 euros para catro anos, a ILUNION LAVANDERÍAS, S.A.U. o servizo de xestión integral da roupa de traballo do persoal inspector veterinario oficial destinado en establecementos de carnes frescas (matadoiros) e lonxas de Galicia.

O procedemento de adxudicación deste contrato estaba reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción.

Esta xestión comprenderá a dotación e identificación da indumentaria, a recollida da roupa sucia e a entrega da roupa limpa nos puntos determinados, transporte da roupa entre os puntos determinados e a lavandería e o tratamento da roupa.

Tendo en conta un stock de seguridade, as prendas obxecto do contrato en total serán 1.500 batas, 1.500 pantalóns e 202 chalecos de frío para inspectores veterinarios e persoal substituto. Cada inspector veterinario recibirá 12 batas, 12 pantalóns e 2 chalecos de frío.

Na actualidade o persoal veterinario inspector con actuación en matadoiros e lonxas ascende aproximadamente a 94 persoas distribuídas en 46 matadoiros e lonxas. Este persoal emprega para desenvolver o seu traballo diario a vestimenta idónea que ten que ser periodicamente lavada e desinfectada.

Data de actualización: 03/10/2025