A Xunta recibe en Pontecesures a 42 peregrinos da Irmandade Galega de Rubí que realizan o Camiño Portugués pola variante espiritual
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, puxo en valor esta iniciativa como exemplo do labor que as entidades galegas realizan en Cataluña para manter vivas as nosas tradicións e fortalecer a identidade galega
Pontecesures (Pontevedra), 3 de outubro de 2025
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, deu hoxe a benvida en Pontecesures a un grupo de 42 peregrinos da Irmandade Galega de Rubí que están a percorrer o Camiño Portugués pola súa variante espiritual.
Os participantes, que iniciaron a ruta o pasado 29 de setembro, chegaron hoxe en barco desde Vilanova de Arousa ata Pontecesures, punto de partida da súa última etapa antes de chegar á Catedral de Santiago, prevista para mañá sábado.
Miranda subliñou a importancia deste tipo de iniciativas, que permiten reforzar os lazos coa terra a través dunha experiencia única de espiritualidade, cultura e convivencia, e que ao mesmo tempo proxectan no exterior os valores do Camiño de Santiago.
O secretario xeral tamén puxo de relevo o papel da Irmandade Galega de Rubí como exemplo do labor que as entidades galegas realizan en Cataluña para manter vivas as nosas tradicións e fortalecer a identidade galega.