O conselleiro de Sanidade mantivo hoxe unha xuntanza co presidente da organización estatal de colexios médicos e cos presidentes dos 4 colexios provinciais de médicos de Galicia

A Xunta e a Organización Médica Colexial acordan colaborar para incentivar a formación en competencias dixitais do persoal sanitario

A Consellería de Sanidade avaliará que o programa formativo Generación D organizado pola Organización Médica Colexial sexa tido en conta a efectos de procesos e carreira profesional

O curso estrutúrase ao redor de 150 horas de formación que optimiza as habilidades para rexistrar, avaliar, xestionar e integrar as tarefas vencelladas ao labor clínico

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia e Organización Médica Colexial colaborarán para incentivar a formación en competencias dixitais do persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantivo esta mañá unha xuntanza co presidente da Organización Médica Colexial, Tomás Cobo, e cos presidentes dos catro colexios oficiais de médicos de Galicia, que presentaron o programa formativo “Generación D”, que ten por obxectivo reforzar as competencias dixitais do persoal sanitario.

No encontro tamén participaron a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva.

Dotado cun programa de 150 horas, o programa “Generación D” promovido pola Organización Médica Colexial, desenvolverá as competencias dixitais dos profesionais e dos diferentes entes sociais na procura de fomentar a transformación dixital a nivel nacional. Así, estrutúrase ao redor dun bloque formativo común de 40 horas e dun bloque específico de 110 horas que, neste caso, se adapta ás tarefas e ás necesidades propias dos médicos. Esta formación pretende optimizar as habilidades para rexistrar, avaliar, xestionar e integrar as tarefas vencelladas ao labor clínico.

A Consellería de Sanidade comparte a importancia de ampliar as competencias dixitais entre o persoal sanitario para avanzar cara a unha sanidade máis moderna e eficiente.

Co obxectivo de fomentar o reforzo das competencias dixitais do persoal sanitario, a Consellería de Sanidade avaliará que esta formación sexa tida en conta a efectos de procesos e carreira profesional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2025