A Xunta confirma o seu compromiso coas defensoras de dereitos humanos cunha segunda edición do programa ‘Galicia Abriga’
As guatemaltecas Juventina López e Ana Doni, e a salvadoreña Milagro de la Paz participan nesta nova acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos na nosa Comunidade Autónoma
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús María Gamallo Aller, e a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Patricia Fernández López, deron a coñecer esta mañá a segunda edición do Programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos Galicia Abriga. Este programa enmárcase nun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a Consellería de Política Social e Igualdade e as ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e Asociación Ecos do Sur.
O programa ten como obxectivo garantir un espazo seguro a tres mulleres defensoras de dereitos humanos pertencentes a organizacións e movementos sociais de países nos que a Cooperación Galega ten presenza, que ven ameazada a súa vida ou integridade física e psicolóxica, con motivo do seu labor, contribuíndo a que saian do contexto de risco no que se atopan, fortalecendo as súas capacidades e mellorando o seu benestar.
As tres defensoras acollidas nesta segunda edición son Juventina López, líder comunitaria maya Mam de Champerico, Guatemala, e coordinadora de proxectos de ASIAPRODI, organización socia de Arquitectura Sen Fronteiras desde hai máis de 15 anos; Ana Donis, avogada de Mulleres Transformando o Mundo, organización feminista de Guatemala que loita pola erradicación da violencia contra as mulleres e socia local de AGARESO; e Milagro de la Paz, coordinadora territorial do Equipo de Oriente da Colectiva Feminista do Salvador, tamén socia local de AGARESO.
Para a xestión do programa Galicia Abriga cóntase cun equipo xestor formado por tres ONGD galegas: Solidariedade Internacional de Galicia, AGARESO e Ecos do Sur, e cunha rede de apoio formada por 15 organizacións sociais e universidades galegas. O convenio, que manterá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2025, ten un custe global superior a 68.000 euros, dos que a Xunta aportará 48.000, as tres ONGD asinantes máis de 2.500 euros e o programa da UE Protect Defender máis de 17.500 euros.
A presentación do II Programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos Galicia Abriga, realizouse no marco da celebración do encontro anual da Rede ProTejer, que reúne en Galicia a representantes dos distintos programas de acollida temporal do Estado español, co obxectivo de avanzar no traballo de fortalecemento da rede como espazo de interlocución, incidencia e denuncia sobre o estado dos Defensores e Defensoras de Dereitos Humanos e os sistemas de protección en España.