A conselleira de Política Social e Igualdade visitou hoxe o concello da Peroxa
Fabiola García destaca a importancia dos programas de envellecemento activo para o benestar dos maiores e contra a soidade non desexada
Puxo en valor as actividades e obradoiros para as persoas de máis idade que se desenvolven ao longo de todo o ano no rural co apoio da Xunta
Salientou outras iniciativas que fomentan unha vellez saudable e participativa, como Benestar en Balnearios, as universidades e as Aulas Sénior ou o Carné +65
A Peroxa (Ourense), 4 de outubro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, fixo hoxe fincapé na importancia que teñen os programas de envellecemento activo para o benestar das persoas maiores e combater a soidade non desexada. Destacouno nunha visita ao Concello da Peroxa, na que estivo acompañada do alcalde do concello, Manuel Seoane.
Fabiola García puxo en valor as actividades dirixidas ás persoas maiores deste concello que se desenvolven ao longo de todo o ano no marco dun convenio de colaboración entre as administracións autonómica e local. Esta programación, que leva por nome Tecendo vínculos: maiores activos na Peroxa, está dirixida a veciños e veciñas de máis de 55 anos e ten como finalidade mellorar a calidade de vida dos participantes con obradoiros centrados nas áreas cognitiva, funcional, física, social e emocional. Así, a través de diferentes obradoiros, os maiores traballan a memoria, practican ximnasia, fan cestería, apicultura, teatro ou realizan excursións e visitas culturais.
A Xunta destina 20.000 euros a financiar este programa de envellecemento activo, que se enmarca noutras iniciativas que o Executivo autonómico ten en marcha neste ámbito, tales como Benestar en Balnearios, as Universidades e as Aulas Sénior ou o Carné +65.
A conselleira sinalou que o obxectivo é dar as máximas oportunidades aos maiores para que vivan esta etapa das súas vidas en plenitude e que o envellecemento sexa en Galicia sinónimo de calidade de vida.
Casa do maior
Ademais, Fabiola García visitou a casa do maior do concello da Peroxa, impulsada pola Xunta e que ofrece unha atención diúrna de xeito gratuíto a cinco veciños da contorna. Trátase dun recurso fundamental para garantir que as persoas maiores teñan servizos de atención de proximidade e facilitar así, que poidan vivir nos seus fogares. Nesta liña, lembrou que a deste concello ourensán é unha das máis de 140 que xa están en funcionamento e ás que se suman outras 20 de recente creación.