A Xunta licita por máis de 1 M€ equipamento de radioloxía dixital portátil para o bloque cirúrxico do hospital Novo Montecelo
Adquiriranse equipamentos radiocirúrxicos que permiten tratar tumores e lesións difíciles de operar
Contarase tamén con equipamento especial para realizar diagnósticos por imaxe
As empresas interesadas en participar neste proceso teñen ata o 20 de outubro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025
A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica hoxe no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por importe de 1.000.670 euros, a subministración de equipamento de radioloxía dixital portátil con destino ao bloque cirúrxico do Hospital Novo Montecelo.
Por unha banda, os equipamentos radiocirúrxicos permiten tratar, con alta precisión e sen cirurxía invasiva, tumores e lesións difíciles de operar. Polo tanto, reducen riscos, complicacións e tempo de recuperación para mellorar a calidade de vida dos pacientes.
Por outro lado, adquiriranse sistemas de radioloxía portátil, equipamentos esenciais para realizar diagnósticos por imaxe en pacientes que non poden ser trasladados, como é o caso de pacientes críticos ou inmobilizados. Isto facilita unha atención rápida, continua e eficiente en calquera lugar do hospital ou en situacións de emerxencia.
O Goberno galego está a realizar un investimento de 170 millóns de euros na construción do Hospital Novo Montecelo, ao que destina ademais outros 30 millóns en equipamento.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 20 de outubro para presentar as súas ofertas.