Ferrol afiánzase como referente na organización de eventos deportivos en Galicia coa celebración no auditorio municipal do ‘Día do adestrador’

Ferrol, 4 de outubro de 2025

 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no auditorio de Ferrol na celebración do Día do Adestrador, un evento organizado polo Comité Galego de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol que durante esta xornada converterá a cidade naval “nun referente do pensamento técnico e da reflexión deportiva en Galicia”.

Aneiros destacou na súa intervención a forte tradición deportiva de Ferrol e reivindicou espazos como a esta xornada que reúnen “talento, experiencia e futuro”. O evento desenvólvese en formato mesa redonda coa participación de catro referentes do fútbol e do fútbol sala como Javi Gracia, Sergio González, a seleccionadora nacional de fútbol sala feminino, Claudia Pons e Tino Pérez.

Durante o encontro rendeuse tamén homenaxe ao adestradores máis destacados de Galicia en fútbol, fútbol sala, fútbol praia e fútbol gaélico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2025