Belén do Campo participa na cerimonia de saída do “Rallye Rías Altas Histórico” na praza de María Pita

A delegada da Xunta salientou a importancia deste evento tanto desde o punto de vista deportivo como turístico e económico, xa que atrae a numerosos equipos, afeccionados e visitantes, que teñen na cita coruñesa un referente no calendario nacional

A Coruña, 3 de outubro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu hoxe á cerimonia de saída do Rallye Rías Altas Histórico que tivo lugar esta tarde na praza de María Pita e que serve de punto de partida  dunha das citas máis destacadas do automovilismo clásico en España. Belén do Campo destacou o patrocinio da Xunta a este evento, que ascende a 10.000 euros.

O evento, que ten lugar hoxe e mañá sábado 4 de outubro, constitúe a penúltima proba do Campionato de España de Rallyes para Vehículos Históricos (CERVH) e reunirá na provincia coruñesa un total de 78 equipos, dos que 57 competirán en velocidade e 21 en regularidade.

Entre os participantes destacan pilotos e copilotos de primeiro nivel como os campións da categoría Pre 2000, Tony Afonso e Jonay Miranda, a bordo dun Mitsubishi EVO V; os líderes do certame absoluto e de Pre 81, Javier e Iván Bouza, cun Ford Escort MKII; ademais doutros primeiros clasificados nas modalidades Pre 92, Classic e regularidade. O cartel engádese á presenza de dous históricos kit car: o SEAT Ibiza de Joan Vinyes e Jordi Mercader e o Peugeot 306 Maxi de Manuel Senra e Faustino Suárez.

O venres estivo reservado para as verificacións técnicas e para a propia cerimonia de saída na Praza de María Pita, mentres que o sábado será a quenda da competición, con oito treitos cronometrados nos concellos de Aranga, Irixoa, Monfero, Vilarmaior, Miño e Paderne, que se disputarán en dobre pasada e sumarán máis de 115 quilómetros contra o reloxo. A entrega de premios tamén terá lugar na Praza de María Pita, poñendo o broche final á proba.

A delegada da Xunta salientou a importancia deste evento tanto desde o punto de vista deportivo como turístico e económico, xa que atrae a numerosos equipos, afeccionados e visitantes, que teñen na cita coruñesa un referente no calendario nacional. Así mesmo, destacou o labor da organización e das administracións implicadas para garantir a seguridade e o éxito desta competición, que converte un ano máis a Galicia no epicentro do automovilismo histórico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2025