Lete Lasa felicita á Selección Galega de squash tras acadar ouro masculino e bronce feminino no Campionato de España do Milladoiro
Destaca a capitalidade de Galicia no contexto do squash nacional como demostra que é a comunidade líder no número de licenzas, sendo un total de medio milleiro das que o 40% son femininas, e que representan o 21% de todas as que hai en España
Ames (A Coruña), 5 de outubro de 2025
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na entrega de premios do Campionato de España de Squash de Seleccións Autonómicas 2025, celebrado nas instalacións do Squash Club Santiago no Milladoiro, no que o equipo galego acadou a medalla de ouro na categoría masculina e a de bronce, feminina, mantendo o seu dominio nun evento no que, Galicia leva ocupando un lugar no podio dende 2010, sendo, con esta última, 14 veces campións e campioas.
O mandatario galego destacou a capitalidade de Galicia no contexto do squash nacional como demostra que é a comunidade líder no número de licenzas, sendo un total de medio milleiro das que o 40% son femininas, e que representan o 21% de todas as licenzas de squash que hai en España. Neste sentido referiu a importancia de contar con grandes referentes como Borja Golán -17 veces campión de España- ou Xisela Aranda -campioa nacional en sete ocasións- e, máis recentemente, Marta Domínguez que acadou a medalla de bronce nos Xogos Mundiais.
Lete Lasa sinalou cara a importancia crecente do squash que será olímpico en Los Ángeles e lembrou o traballo que se fai en Galicia co Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Squash, sito precisamente nas instalacións do Milladoiro. Os 13 NADEs cos que conta Galicia están encamiñados á participación dos deportistas galegos en Xogos Olímpicos ou Paralímpicos, campionatos do mundo, campionatos de Europa e outras competicións internacionais de máximo nivel.