O delegado territorial da Xunta supervisa o estado das obras da senda do Barbaña na zona da Ponte Codesal, en Ourense
Manuel Pardo destacou que as actuacións adquiren unha gran relevancia porque non so dan continuidade á nova senda se non que serven para comunicar ambas marxes do rio co núcleo da cidade
As obras da senda do Barbaña forma parte dunha actuación conxunta, que supón un investimento autonómico de 5,4 M€, con outro traxecto que comunica a estación intermodal coa Ponte Vella a través da avenida de Caldas, xa finalizado nesta primavera pasada
Ourense, 06 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá, acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, o estado das obras na nova senda do río Barbaña entre a Ponte Vella e Expourense, á altura da Ponte Codesal, baixo a rúa Marcelo Macías.
O delegado territorial destacou que as actuacións que se están a levar a cabo neste enclave adquiren unha gran relevancia por tratarse dunha intersección importante dentro do ámbito global do proxecto porque non só dá continuidade á nova senda, se non que comunica de xeito transversal para enlazar ambas marxes do río co núcleo da cidade.
Tamén subliñou que con esta intervención a senda que vén dende o Paco Paz pola marxe dereita do río Barbaña e a nova senda do río Barbañica, xa executadas en xullo de 2024, agora terán continuidade accesible coa futura continuidade baixo a rúa das Camelias, a Molinera e a As Burgas ata comunicar coa Praza de Abastos.
Inicialmente estaba previsto a substitución do pavimento de madeira da pasarela existente no río Barbaña -detallou Manuel Pardo- pero o estado da estrutura de vigas de madeira fixo inviable o aproveitamento polo que se tivo que pechar o paso temporalmente e actualizar unha nova pasarela de 13 metros de lonxitude en estrutura metálica e con pavimento de madeira.
Nesta liña, apuntou o representante do Goberno galego, que neste punto realizouse a pavimentación completa co redeseño de ramplas e pendentes para acadar unha accesibilidade que antes non tiña para favorecer a circulación peonil e ciclista. Así mesmo completarase con sinalización, actuacións na iluminación, implantación de arborado e mobiliario urbano.
Manuel Pardo lembrou tamén que as obras da senda do Barbaña forma parte dunha actuación conxunta, que supón un investimento autonómico de 5,4 M€, con outro traxecto que comunica a estación intermodal coa Ponte Vella a través da avenida de Caldas, xa finalizado nesta primavera pasada.