O conselleiro de Sanidade e o reitor da Universidade de Vigo asinaron a prórroga, por catro anos máis, do convenio de colaboración que posibilitará que o Instituto Galicia Sur siga a impulsar unha investigación sanitaria de excelencia
Gómez Caamaño subliña a transcendencia internacional da investigación sanitaria que realiza o Instituto Galicia Sur
O titular da carteira sanitaria destaca a vitalidade do Instituto, con máis de 1.000 profesionais, e que o pasado ano captou máis de cinco millóns de euros para investigacións feitas en Galicia
Remarca o impacto positivo que o traballo do instituto ten na práctica clínica
Pon en valor proxectos do Instituto, destacando os relacionados coa diabetes, co deterioro cognitivo e coas patoloxías críticas e oncolóxicas dixestivas
Incide na aposta da Xunta pola investigación sanitaria, con medidas como a integración dos tres institutos galegos no sector público ou a consolidación do persoal investigador
Vigo, 7 de outubro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou a transcendencia da investigación sanitaria que realiza o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, centro referente no ecosistema biosanitario que conta con máis de 1.000 profesionais e que no pasado ano captou máis de cinco millóns de euros para investigacións feitas en Galicia.
O titular da carteira sanitaria e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron a prórroga do convenio de colaboración entre ambas as institucións, por un período de catro anos máis, para renovar a aposta pola investigación a través do Instituto Galicia Sur.
A sinatura levouse a cabo no marco da visita que o titular de Sanidade realizou ás dependencias do instituto e á que tamén asistiron o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; o da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, e a directora científica do Instituto, Eva Poveda.
Con esta sinatura, o conselleiro destacou que a Xunta e a Universidade de Vigo manifestan a súa vontade de seguir a impulsar xuntos unha investigación sanitaria de excelencia a través deste instituto de referencia, cunha actividade prolífica, con 460 artigos indexados no pasado ano é un dos centros acreditados polo Instituto de Saúde Carlos III.
Con esta visita, o conselleiro culminou o seu compromiso de visitar ao longo destas semanas os tres institutos de investigación sanitaria, poñendo en valor o traballo excepcional do instituto vigués, que ten un impacto moi positivo na práctica clínica do hospital Álvaro Cunqueiro e cuxos efectos chegan moito máis aló de Galicia.
Proxectos destacados
Entre os proxectos de investigación do instituto vigués que resultan de enorme interese médico e social, o conselleiro destacou o DAPA TAVI, ensaio clínico que demostra que o emprego dun fármaco para a diabetes mellora os prognósticos de pacientes con estenoses aórticas sometidos a intervención valvular cardíaca.
Este estudo, impulsado polo Grupo de Investigación Cardiovascular e coa implicación de máis de 1.200 pacientes e 39 hospitais, ten un valor enorme xa que pode mudar o xeito de tratar estes doentes.
Tamén destacou Gómez Caamaño o proxecto do Grupo de Neurociencia Traslacional baseado nunha análise comparativa de biomarcadores proteicos en saliva entre suxeitos con deterioro cognitivo leve e sen el.
En terceiro lugar, o máximo responsable do Sergas destacou os proxectos do Grupo de Innovación en Farmacia Clínica, centrados en conseguir perfís metabólicos de principais patoloxías críticas e de pacientes con patoloxía oncolóxica dixestiva.
Tamén puxo en valor o conselleiro a vocación divulgadora do instituto vigués, reflectida no proxecto Ciencia brillante, que busca achegar a ciencia entre a mocidade dun xeito máis próximo, propoñendo obradoiros sobre a luz, a cor e a imaxe médica, e que van dirixidos a estudantes da ESO e o bacharelato.
Aposta da Xunta pola investigación sanitaria
A aposta da Xunta pola investigación sanitaria queda posta de manifesto na integración dos tres institutos galegos no sector público; na consolidación do persoal de investigación como estatutarios do Sergas coa incorporación de 33 investigadores; e, ademais, coa tramitación do decreto para a creación da categoría estatutaria de persoal investigador.
Gómez Caamaño resaltou que este instituto, baixo a dirección de Eva Poveda, leva a cabo unha investigación que prestixia a Galicia, polo que o Executivo galego seguirá a traballar para potenciar a súa imaxe.