Xunta e Fegamp ultiman a posta en marcha da Rede de concellos contra o acoso escolar, que comezará a funcionar este curso

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025

 A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ultiman a posta en marcha da nova Rede de concellos contra o acoso escolar, que empezará a funcionar este curso. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co presidente da entidade municipalista galega, Alberto Varela, para pechar o deseño desta rede, unha das accións no marco do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar.

Na xuntanza, á que tamén asistiu a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, púxose de manifesto a necesidade de traballar dun xeito coordinado entre administracións en prol da boa convivencia nos centros educativos. Neste senso, esta nova rede permitirá articular recursos, compartir boas prácticas e ofrecer un apoio coordinado tanto aos centros educativos como ás familias e ao alumnado, garantindo unha intervención máis rápida e efectiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2025