O conselleiro de Sanidade, acompañado do delegado territorial da Xunta e do xerente da área sanitaria, supervisou o inicio das obras de reforma do centro de saúde da Milagrosa
Gómez Caamaño subliña o investimento de 3,2 M€ no centro de saúde da Milagrosa e reitera o compromiso de construír o do Sagrado Corazón cando o concello ceda os terreos
Remarca que un equipo de 25 traballadores vai materializar unha transformación total desta instalación sanitaria da rede do Sergas, que pasará a ser ampla, accesible, moderna e dotada con novos servizos para pacientes e profesionais
Logo da reforma, o centro contará con seis consultas de medicina xeral, seis de enfermería, dúas salas de docencia, un despacho para o traballador social, dúas salas polivalentes, unha sala de técnicas, unha de urxencias e unha para toma de mostras
A reforma tamén suporá importantes melloras na accesibilidade, tanto exterior como interior, con ascensor para padiolas e renovación das fachadas para permitir contar con luz natural
Coa apertura do CIS e a reforma da Milagrosa, a Xunta avanza na modernización da atención primaria de Lugo, que se completará co centro de saúde do Sagrado Corazón
Lugo, 8 de outubro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou o investimento da Xunta de 3,2 millóns de euros no centro de saúde da Milagrosa para seguir avanzando na modernización da atención primaria da sanidade pública en Lugo e reiterou o compromiso de construír o centro do Sagrado Corazón cando o Concello poña os terreos do antigo colexio á disposición do Executivo galego.
O titular da carteira sanitaria, acompañado do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, supervisou o inicio das obras de reforma do centro de saúde da Milagrosa.
O conselleiro detallou que as obras se prolongarán durante os vindeiros meses, nos que un equipo de 25 traballadores vai materializar unha transformación total do centro, que pasará a ser amplo, accesible, moderno e dotado con novos servizos para pacientes e profesionais.
Plan funcional
Segundo remarcou o conselleiro, a obra abrangue unha superficie de 1.600 m2, que posibilitarán dotar este centro da rede do Servizo Galego de Saúde de seis consultas de medicina xeral e outras seis de enfermería.
Tamén terá dúas salas de docencia, un despacho para o traballador social, dúas salas polivalentes, unha sala de técnicas, unha de urxencias e unha para toma de mostras.
Ademais, mellorarase a área de admisión, incorporando novos espazos para o persoal, como unha sala de xuntas, salas de docencia ou vestiarios.
Gómez Caamaño remarcou que a reforma suporá importantes melloras na accesibilidade, tanto exterior como interior, cun ascensor para padiolas e a adaptación dos aseos. Xunto ao anterior, renovaranse as fachadas, o que posibilitará contar con luz natural nas zonas de espera.
Novo modelo de atención sanitaria
O titular da carteira sanitaria incidiu en que os investimentos da Xunta na cidade de Lugo en materia sanitaria están a posibilitar un novo modelo de atención á saúde moito máis completo e avanzado.
Ao respecto, lembrou o investimento de 16 millóns de euros no Centro Integral de Saúde, infraestrutura que permitiu aliviar o traballo do centro de saúde da Milagrosa.
Tal e como explicou o conselleiro, antes da construción do CIS, A Milagrosa tiña 24.000 tarxetas sanitarias asignadas, e cando remate a reforma terá 8.000, con libre elección de centro por parte dos usuarios.
Esta reorganización asistencial que o Servizo Galego de Saúde está a levar a cabo fará posible máis servizos e unha asistencia moito máis cómoda e de maior calidade no centro de saúde da Milagrosa, para avanzar na mellora da atención primaria conforme á planificación establecida, que se completará coa construción do centro de saúde do Sagrado Corazón cando a Administración local poña á disposición os terreos necesarios.