O conselleiro de Sanidade inaugurou esta tarde na Facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela a xornada “Saúde Mental e Mocidade: Coidar o presente para construír o futuro”

A Xunta e as tres universidades galegas elaborarán un protocolo de acompañamento psicolóxico aos estudantes para o coidado da súa saúde mental

O obxectivo é velar polo benestar emocional da poboación moza nun momento no que se producen importantes cambios vitais

A Xunta achegará apoio técnico e económico ás universidades para elaborar este protocolo

As institucións académicas formarán ao seu profesorado e realizarán actividades de divulgación

Gómez Caamaño incide na abordaxe multidisciplinar da saúde mental na etapa adolescente e avoga pola colaboración entre administracións públicas e tecido asociativo

Subliña que a Consellería de Sanidade traballa na elaboración dun novo Plan de Saúde Mental que definirá as liñas de traballo estratéxicas de cara aos vindeiros anos, entre elas, a atención á poboación infanto-xuvenil

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que a Xunta e as tres universidades galegas elaborarán un protocolo de acompañamento psicolóxico aos estudantes procurando o mellor coidado da súa saúde mental, unha mellor atención e garantías de continuidade asistencial.

Así o anunciou durante a inauguración, esta tarde na Facultade de Psicoloxía da  Universidade de Santiago Compostela, da xornada “Saúde Mental e Mocidade: Coidar o presente para construír o futuro”, organizada en colaboración coa Federación de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia (Feafes) e na que tamén participou a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz.

Na súa intervención, o titular de Sanidade apuntou que o obxectivo deste novo protocolo é garantir unha saúde mental sólida entre a poboación universitaria, achegando unha mellor atención e continuidade asistencial.

Lembrou que a etapa universitaria adoita representar unha época de importantes cambios vitais (nova residencia, distanciamento familiar, maior exixencia académica, etc..), un conxunto de circunstancias que poden afectar á saúde mental dos mozos e mozas.

Por este motivo, a Xunta achegará apoio técnico e económico ás tres universidades para impulsar un protocolo que incida no coidado emocional da mocidade. Ademais, ao abeiro desta colaboración as universidades poderán realizar actividades formativas para o seu profesorado e o persoal de atención ao alumnado, ademais de realizar actividades de divulgación.

Gómez Caamaño remarcou que  a saúde mental é un asunto de especial sensibilidade que precisa dunha abordaxe multidisciplinar. Neste sentido, destacou a importancia que ten que as diferentes administracións públicas e o tecido asociativo traballen de xeito conxunto na elaboración de novos recursos para a poboación.

Máis recursos para o coidado da saúde mental

O coidado da saúde mental e un asunto prioritario para a Xunta, motivo polo que durante os últimos anos está a desenvolver diferentes de iniciativas que inciden neste eido da saúde.

Así, o Plan de Saúde Mental 2020-2024 permitiu crear máis de 240 prazas de profesionais neste ámbito, poñer en marcha unidades de prevención intensiva do suicidio e crear hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil nas sete áreas sanitarias da comunidade.

Na actualidade, a Consellería de Sanidade traballa na elaboración dun novo Plan que establecerá as directrices de cara aos vindeiros anos, e no que o coidado do benestar da poboación xuvenil será unha das súas liñas estratéxicas.

Ademais, o Goberno galego continuará a apoiar ao tecido asociativo para o desenvolvemento de diferentes programas e actividades e, continuará a desenvolver proxectos específicos destinados ao coidado da mocidade, como é o caso Proxecto YAM ou do Código Agarimo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2025