Belén do Campo participa na inauguración da xornada organizada por APEM con motivo do Día Mundial da Saúde Mental

A delegada da Xunta referiuse ao traballo que está a desenvolver a Consellería de Sanidade coa elaboración do novo Plan de Saúde Mental de Galicia, que aposta por un modelo asistencial máis humanizado, preventivo e próximo á cidadanía

A Coruña, 9 de outubro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu hoxe á apertura da xornada de Sensibilización, Información e Concienciación co lema “Compartimos vulnerabilidade, defendamos a nosa saúde mental”, organizada pola Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), coa finalidade de poñer en valor a atención á saúde mental e visibilizar a experiencia dos profesionais que coidan aos demais, especialmente en situacións de emerxencia.

Durante a inauguración, a delegada da Xunta destacou o papel pioneiro de APEM, que foi a primeira asociación en defensa das persoas con problemas de saúde mental constituída en Galicia.

A Xunta subliñou tamén a relevancia da xestión de APEM na área sanitaria da Coruña, con 8 centros asistenciais, 10 vivendas supervisadas para persoas con trastorno mental grave e un centro especial de emprego, resaltando que estas cifras evidencian a importancia dunha atención continuada, coordinada e de calidade.

Neste senso, a delegada recalcou que “contades sempre, e seguiredes contando, co apoio da Xunta a través da Consellería de Política Social coa orde de axudas do IRPF para levar adiante moitos dos vosos programas e para a contratación de persoas desempregadas a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración”.

Sanidade 

Belén do Campo referiuse ao traballo que está a desenvolver a Consellería de Sanidade coa elaboración do novo Plan de Saúde Mental de Galicia, que marcará a folla de ruta dos próximos anos. Explicou que o Plan está estruturado en sete liñas estratéxicas e aposta por un modelo asistencial máis humanizado, preventivo e próximo á cidadanía, reforzando a atención comunitaria, o apoio ás familias, a prevención do suicidio e a atención á infancia, á mocidade e ás persoas maiores.

Entre as principais medidas, destacou a incorporación progresiva de psicólogos clínicos nos centros de saúde dependentes dos servizos de Psiquiatría, ata acadar 50 profesionais en 2030, co obxectivo de achegar a saúde mental á poboación e mellorar o acceso dos pacientes.

Tamén se está a promover o desenvolvemento dunha rede de saúde mental infanto-xuvenil máis integrada e articulada co tecido comunitario, mediante a colaboración con entidades do terceiro sector e con outras consellerías, en particular coa Consellería de Educación, coa que xa se desenvolven programas como YAM e o Código Agarimo, centrados na promoción da saúde mental e na prevención da conduta suicida en contornas educativas.

Ademais, estase a tramitar un convenio coas tres universidades galegas para elaborar un protocolo común que contribúa a fortalecer a saúde mental entre o estudantado universitario. O plan tamén prevé un novo impulso á rehabilitación psicosocial e laboral das persoas con trastorno mental grave, ata acadar 1.263 prazas, o que supón un incremento do 33 % respecto á capacidade actual.

Área sanitaria Coruña

A delegada da Xunta destacou tamén o avance na área sanitaria da Coruña e Cee coa posta en marcha da nova Unidade de Expansión de Hospitalización Psiquiátrica no Hospital de Oza, un proxecto financiado integramente polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) que reforza de xeito notable a atención á saúde mental na contorna aberta a finais de setembro.

A nova unidade incrementa a capacidade asistencial con 13 camas adicionais, unha delas destinada a contención, o que supón un aumento do 40 % respecto das camas existentes. Esta ampliación permitirá dar resposta á crecente demanda asistencial nunha área que abrangue máis de 550.000 persoas e rexistra máis de 500 ingresos psiquiátricos ao ano.

A actuación, cun investimento de máis de 185.000 euros, súmase a outras melloras executadas nos últimos anos, como a Unidade de Saúde Mental de Oleiros (xullo de 2021), o Hospital de Día de Saúde Mental Infantil-Xuvenil no Hospital Teresa Herrera (febreiro de 2024), as dúas novas unidades de Saúde Mental no CHUAC —unha para persoas mozas de entre 18 e 48 anos e outra para maiores de 65— (setembro de 2024), e agora, a nova Unidade de Hospitalización Psiquiátrica de Oza, inaugurada o pasado 29 de setembro.

Belén do Campo destacou que todas estas actuacións “son exemplos concretos do compromiso da Xunta cunha rede de atención á saúde mental moderna, próxima e centrada nas persoas”.

Xornada

A representante do Goberno autonómico destacou que o obxectivo da xornada é visibilizar os efectos psicolóxicos das emerxencias, así como poñer en valor o labor dos profesionais que coidan aos demais, que tamén sofren e precisan coidados.

Neste senso, destacou que a saúde mental é un dereito e unha prioridade, non só das persoas que reciben atención, senón tamén das que prestan coidados en todos os ámbitos da sociedade. O programa incluíu conferencias e unha mesa redonda  para dar voz ás experiencias de profesionais da medicina, enfermería, psicoloxía, traballo social e corpos de seguridade, fomentando a reflexión sobre a carga emocional e a vulnerabilidade que xera o coidado.

“Protexer a saúde mental de quen nos protexe e acompaña é protexernos a todos”, sinalou a delegada, reiterando o compromiso da Xunta coa promoción da saúde mental, a prevención de riscos psicosociais e o apoio a quen dedica a súa vida ao coidado doutros.

Finalmente, agradeceu a APEM, aos participantes e a todas as persoas implicadas pola súa dedicación e valentía ao abrir este espazo de diálogo e aprendizaxe, subliñando que esta xornada é un paso máis cara a unha sociedade que valora, protexe e coida a quen coida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2025