A Consellería de Sanidade acolleu unha xornada na que os responsables dos institutos participantes no curso 2025-2026 tiveron a súa primeira toma de contacto co proxecto

A Xunta reforza a prevención da conduta suicida entre a poboación moza coa extensión do ‘Programa YAM’ a 95 novos centros educativos para chegar a máis de 12.000 mozos

O proxecto YAM, financiado con fondos europeos, ten por obxecto previr a conduta suicida entre a poboación adolescente ao tempo que promove a súa saúde mental

O conselleiro de Sanidade destaca o compromiso absoluto da Xunta coa saúde mental da mocidade e o impacto positivo que teñen este tipo de iniciativas

A xornada celebrada hoxe enmárcase nos actos conmemorativos do Día Mundial da Saúde Mental este venres 10 de outubro

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia mantén a súa aposta polo coidado da saúde mental da poboación coa extensión do programa de prevención da conduta suicida YAM a 95 novos centros de ensino secundario da comunidade. 

Deste xeito, tras dous anos de desenvolvemento, o programa YAM xa acada ao alumnado de 173 institutos do ensino secundario galego, beneficiando máis de 12.000 estudantes. 

No marco dos actos conmemorativos do Día Mundial da Saúde Mental, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron nunha xornada na que se presentou o funcionamento do Proxecto YAM aos responsables dos centros educativos que participarán neste programa durante o curso 2025-2026.

O proxecto YAM é unha iniciativa que, financiada con fondos europeos, ten por obxecto previr a conduta suicida entre a poboación adolescente, ao tempo que promove a súa saúde mental.

Na súa intervención, o titular de Sanidade destacou o compromiso absoluto da Xunta coa saúde mental da mocidade e o impacto positivo que teñen este tipo de iniciativas. 

Na mesma liña, Judith Fernández, salientou a importancia dos coidados da saúde mental desde o ámbito educativo e, dun xeito especial, durante a etapa da adolescencia. “Ademais de formar aos nosos mozos e mozas tamén debemos prestar atención a súa saúde e equilibrio emocional”, referiu.

No transcurso da xornada, na que tamén participou a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, os responsables dos centros educativos que participaron no Proxecto YAM o pasado curso compartiron as súas reflexións e experiencias reais co ánimo de optimizar a súa implantación nos novos institutos participantes.

Medidas a prol da saúde mental

A Xunta está a desenvolver diferentes medidas que inciden nos coidados da saúde mental da poboación galega. Así, neste intres a Consellería de Sanidade está a elaborar o novo Plan de Saúde Mental que definirá os principais eixos de actuación para os vindeiros anos. 

Neste senso, a prevención do suicidio será unha liña transversal dentro dunha folla de ruta na que figurará, como eixo estratéxico, o fortalecemento da atención en saúde mental dirixida á poboación infanto-xuvenil.

Xunto co novo Plan, a pasada semana a Consellería de Sanidade e o Colexio de Xornalistas, presentaban unha Guía de recomendacións para os profesionais dos medios de comunicación á hora de informar sobre a conduta suicida, promovendo unha linguaxe respectuosa e libre de estigmas existentes arredor do suicidio. 

Do mesmo xeito, na xornada de onte, o Executivo galego daba a coñecer un acordo coas tres universidades galegas para levar aa cabo a elaboración dun protocolo de acompañamento psicolóxico destinado á poboación universitaria.

Ademais, continuará a colaborar co tecido asociativo a través da publicación de diferentes liñas de apoio co obxectivo de desenvolver programas, proxecto e actividades  que incidan nos coidados da saúde mental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2025