María José Gómez destaca os bos datos de produción no lácteo, que o consolidan como sector estratéxico do rural

A conselleira visitou a gandaría Rieiro en Santa Comba e puxo de relevo a puxanza deste eido produtivo, que no mes de agosto acadou unha cifra récord de entregas de leite con respecto ao mesmo mes de toda a serie histórica

María José Gómez subliñou que a cifra de entregas de leite do pasado agosto é a máis alta da serie histórica neste mesmo mes e que tamén se acadou un récord nos prezos, en comparación cos mesmos datos dos meses de agosto anteriores

Santa Comba (A Coruña), 9 de outubro de 2025

O sector lácteo galego mantén a súa puxanza tanto en produción como en prezos e consolídase como un eido estratéxico do rural galego, demostrando que este é un espazo “vivo e cheo de oportunidades”. Así o afirmou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita á gandaría Rieiro, en Santa Comba, na que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.

A conselleira salientou o pulo que acadou este eido produtivo no mes de agosto. Neste sentido, explicou que a cifra de entregas de leite foi a máis alta da serie histórica neste mesmo mes, con case 251 millóns de litros. En canto aos prezos, tamén se acadou un récord en comparación cos mesmos datos dos meses de agosto anteriores, chegando aos 50,69 céntimos/litro no comercial. Isto representa unha suba de 2,4 céntimos respecto a xullo e un incremento de máis do 11 % en relación con agosto do pasado ano.

Estes datos son un reflexo do traballo continuo dos axentes do sector, con explotacións punteiras canto á modernización e calidade, como o caso desta granxa, que conta con 140 cabezas de gando e con 90 hectáreas de base territorial. Ademais, beneficiouse dunha axuda para incorporación de mozos e ten concedido un plan de mellora.

Así mesmo, Gómez lembrou que tanto Santa Comba como a comarca do Xallas teñen unha clara vocación gandeira cara o vacún de leite, que se pon de manifesto co feito de que o concello figura como o quinto municipio galego con máis produción e o segundo con maior número de explotacións.

No plano autonómico, a titular de Medio Rural lembrou que Galicia é líder indiscutible dentro de España, co 42% da produción e case o 60% dos produtores. Ademais, figura entre as rexións de referencia en Europa, cunha produción e uns prezos á alza, como o confirman os últimos datos dispoñibles.

Apoio aos produtores

A conselleira insistiu en que desde o Goberno galego seguirase traballando para apoiar aos produtores, especialmente a aqueles que se vaian incorporar ao agro. Neste sentido, destacou algunhas iniciativas como as axudas para os mozos e o acompañamento na súa incorporación, a formación especializada a través dos centros de formación e experimentación agraria, o Banco de Explotacións ou a defensa da PAC como unha política necesaria para o presente e futuro do rural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2025