A Xunta inviste máis de 25.000 € na mellora do punto limpo de Cerdedo-Cotobade
Os traballos consistiron na mellora do peche do espazo, na mellora da cuberta, na execución dun foso de derrame e na impermeabilización do pavimento
O delegado territorial destacou a importancia de manter unha boa colaboración entre institucións para facer un uso eficaz e eficiente dos recursos públicos
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 07 de outubro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou, acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o resultado dos traballos de mellora do Punto Limpo.
A reforma, que foi posible grazas a unha achega de máis de 25.000 euros da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, consistiu na mellora do peche do Punto Limpo para mellorar a súa seguridade e previr o vertido de elementos contaminantes; na mellora da cuberta de forma a evitar o traspaso de auga e de residuos como follas, ramas ou outros restos que poidan atascar os desaugues; na execución dun foso de derrame que permita unha adecuada retención ante unha posible fuga dalgún residuo contaminante; e na impermeabilización do pavimento.
O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor a importancia de manter unha boa colaboración entre institucións para conseguir que os recursos públicos se utilicen de forma eficaz e eficiente. Neste sentido, Reguera asegurou que “os alcaldes son os que mellor coñecen as necesidades dos seus concellos e proba diso é esta obra que claramente mellorou a xestión dos residuos de Cerdedo-Cotobade e que ademais diminúe o risco de contaminacións das súas terras”.
FCA
O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.
Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables e, en xeral, a protección do medio natural.