O novo Plan de Saúde Mental da Xunta terá a atención á infancia e á adolescencia como liña estratéxica, con especial atención á loita contra o estigma e á prevención da conduta suicida

O conselleiro de Sanidade remarca o compromiso da Xunta co benestar emocional dos galegos e incide na necesidade de concienciar a poboación sobre o seu coidado

A Xunta aborda a saúde mental desde as etapas infanto-xuvenís co desenvolvemento nos institutos de ensino secundario do Proxecto YAM ou a elaboración dun protocolo de acompañamento psicolóxico para os estudantes universitarios

O Plan de Saúde Mental 2020-2024 contribuíu ao reforzo dos cadros de persoal especializado da Sanidade pública galega, cunha media diaria de 557 profesionais

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta mañá que a Xunta está a ultimar o seu novo Plan de Saúde Mental de cara aos vindeiros anos, no que a atención á infancia e á adolescencia será unha das súas principais liñas estratéxicas e no que tamén se prestará especial atención á loita contra o estigma e á prevención da conduta suicida.

No marco dos actos conmemorativos do Día Mundial da Saúde Mental, o máximo responsable da Sanidade galega remarcou o compromiso da Xunta co benestar emocional da poboación, lembrando algunha das últimas medidas adoptadas polo Executivo autonómico.

En concreto, referiu a nova colaboración da Xunta coas tres universidades galegas para elaborar un protocolo de acompañamento psicolóxico destinado aos estudantes universitarios e a extensión do Programa de prevención do suicidio ‘YAM’, que xa se está a desenvolver en 173 centros de ensino secundario da comunidade para chegar a máis de 12.000 alumnos.

Gómez Caamaño repasou algúns dos fitos acadados con Plan de Saúde Mental 2020-2024, poñendo especial énfase no reforzo do persoal especializado que se acadou neste ámbito da saúde (psicoloxía, psiquiatría, enfermería e traballo social), e que rexistrou unha media diaria de 557 profesionais contratados.

“Debemos ser quen de sensibilizar e concienciar á poboación sobre os coidados da saúde mental”, incidiu o conselleiro de Sanidade nun acto no que estivo acompañado pola subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz.

Neste sentido, a Consellería de Sanidade acolle hoxe a xornada Mira de fronte a túa saúde mental, na que se presentarán diferentes proxectos que teñen por obxecto transmitir a realidade das enfermidades mentais e sensibilizar á sociedade na loita contra o seu estigma.

Entre outros contidos, presentouse o proxecto ‘Psiquiatría e Cine’, unha iniciativa que busca combater o estigma dos trastornos mentais a través do cinema. Tamén, a través do documental ‘Expedición Mental’, abordáronse as diferentes visións do suicidio e da saúde mental no marco do Camiño de Santiago. Por último, a xornada contou coa presentación da nova Guía e boas prácticas e recomendacións para profesionais dos medios de comunicación para a elaboración de novas vencelladas á conduta suicida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2025