O conselleiro de Sanidade, o xerente do Servizo Galego de Saúde, o director de Integración e Innovación Asistencial do Sergas e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras mantiveron unha reunión con profesionais do centro

Gómez Caamaño avanza a próxima convocatoria por concurso de méritos das 25 prazas vacantes de médico de Urxencias do Hospital de Ourense

A oferta pública de emprego realizarase baixo esta modalidade grazas ao impulso, por parte da Xunta, da reforma da Lei de medidas extraordinarias dirixidas á provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o 7 de xullo no Parlamento galego, que dá esta consideración ás prazas de medicina de urxencias do complexo ourensán

Co obxectivo de captar o maior número de profesionais posibles, a Xunta incentivará co triplo de puntuación o labor dos profesionais desta unidade do CHUO

Na actualidade, as necesidades de persoal do servizo de urxencias de Ourense estanse a cubrir con contratos de interinidade por acumulación de tarefas e cun programa especial co que facultativos doutras áreas prestan o seu apoio na unidade

Ourense, 22 de xullo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a quen lle avanzou a próxima convocatoria, por concurso de méritos, das 25 prazas vacantes de facultativo de urxencias do centro hospitalario ourensán co obxectivo de cubrilas de forma estable.

No encontro, no que tamén participaron o xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, o director de Integración e Innovación Asistencial do Sergas, Alfredo Silva, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, o titular de Sanidade explicou que a convocatoria para a cobertura das prazas de médico de urxencias se fará polo sistema de concurso de méritos para responder coa maior celeridade á necesidade de persoal que ten actualmente este servizo.

Esta convocatoria extraordinaria é posible tras o impulso, por parte da Xunta, da reforma da Lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada no Pleno do Parlamento o pasado 7 de xullo, coa que se dá esta consideración ás prazas de medicina de urxencias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para dar resposta á actual falta de persoal.

O titular da carteira sanitaria da Xunta apuntou que tamén se incentivará co triplo de puntuación os servizos prestados nas urxencias hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, unha vantaxe comparativa que beneficiará a estes profesionais sanitarios de cara a futuros procesos selectivos ou concursos de traslados.

Na actualidade, as necesidades de persoal do servizo de urxencias de Ourense estanse a cubrir con contratos de interinidade por acumulación de tarefas e tamén cun programa especial polo que facultativos doutras áreas prestan o seu apoio e cobren esta unidade.  

Neste sentido, Gómez Caamaño trasladou o seu agradecemento aos profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e tamén aos desprazados doutras áreas sanitarias pois, co seu esforzo e compromiso, están a manter a calidade asistencial dos servizos de urxencias do hospital ourensán.

Gómez Caamaño lembrou que a Xunta leva anos traballando en mellorar as condicións de traballo e retributivas do persoal da sanidade pública e, en particular, dos médicos de urxencias de todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde.

En concreto, incrementáronse 149 prazas máis desde 2024 e recentemente aprobáronse melloras laborais e retributivas para este colectivo. Entre esas medidas está o incremento progresivo do valor da hora da xornada complementaria, con efectos retroactivos desde o 1 abril, ou as compensacións das quendas máis gravosas. En conxunto, estas medidas suporán unha mellora retributiva media arredor de 3.560 euros anuais para cada profesional facultativo de urxencias hospitalarias.

Cómpre lembrar que Galicia logrou fidelizar máis do 77 % dos MIR que remataron este ano a súa formación, unha porcentaxe que sobe ao 84 % na especialidade de medicina familiar e comunitaria, na cal 29 novos facultativos decidiron incorporarse xa aos servizos de urxencias hospitalarias galegas.

Ademais, este ano, por primeira vez, están a formarse nos servizos de urxencias da comunidade 6 MIR, tras a reivindicación constante feita ao Ministerio de Sanidade para que crease esta especialidade.

No próximo curso Galicia volverá sacar a maior oferta de formación sanitaria especializada da súa historia, con 725 prazas, das que 24 corresponden á nova especialidade de medicina de urxencias e emerxencias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026