Preto dun centenar de gasolineiras se adheriron xa ao programa que facilita a retirada de diñeiro en efectivo nas estacións de servizo do rural galego
A medida botaba a andar hai apenas un par de meses e enmárcase dentro das políticas de Administración galega para frear o despoboamento e mellorar a carteira de servizos que ofrecen estes establecementos nos concellos de menos de 20.000 habitantes
Ademais, preto de 60 gasolineiras xa resultaron beneficiadas da orde de axudas convocada polo Goberno galego para, ademais da posibilidade de implantar este servizo, mellorar a instalación de grupos electróxenos que garantan o subministro de enerxía eléctrica, con apoios que oscilan entre os 5.000 e os 30.000 euros segundo o tipo de actuación
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2025
A Comunidade galega conta xa con preto dun cento de estacións de servizo que ofrecen a posibilidade de retirar cartos en efectivo nos seus establecementos. Esta pioneira medida botaba a andar hai a penas un par de meses grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Economía e Industria, a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes) e Abanca e está a permitir que un bo número de concellos do rural galego con menos de 20.000 habitantes poidan ampliar a súa carteira de servizos.
Gracias a este acordo de colaboración, 89 estacións de servizo ofrecen a día de hoxe a posibilidade de que clientes de tarxetas de débito emitidas pola entidade bancaria poidan dispoñer de efectivo de forma gratuíta. Para elo contan con 110 terminais de puntos de venda (TPV) de última xeración habilitados para facer pequenas retiradas de cartos. Por provincias, A Coruña conta con 57 establecementos adheridos (69 TPV), Pontevedra con 17 (21 TPV), Lugo con 8 (10 TPV) e, finalmente Ourense con 7 (10 TPV). O prazo para adherirse a esta iniciativa permanece aberto todo o ano. Cómpre lembrar que na actualidade 290 concellos galegos contan con menos de 20.000 habitantes.
Orde de axudas
Paralelamente á posta en marcha deste convenio de colaboración, a Xunta impulsou unha orde de axudas para facilitar a modernización das gasolineiras emprazadas en concellos do rural. Unha liña de apoios que vai permitir que 59 estacións de servizo poidan subvencionar a adquisición do equipamento necesario para poder ofertar a retirada de efectivo, mellorar os sistemas de pagamento, a xestión operativa do local a través de plataformas dixitais ou a instalación de grupos electróxenos e sistemas de seguridade. O importe total das axudas concedidas ascende a 532.655,04 euros, mentres que a contía máxima por beneficiario pode acadar os 30.000 euros.
Con estas dúas accións, o Goberno galego reforza o seu compromiso na loita contra o despoboamento do rural, ofrecendo novas prestacións que garantan o benestar e a calidade de vida dos galegos e das galegas.