A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Vilagarcía de Arousa as instalacións da compañía
Lorenzana convida a Thune Eureka a sumarse á iniciativa estratéxica de seguridade, defensa e aeroespazo
Ofrécelle participar na convocatoria dos acordos de asociación; “o instrumento máis potente que ten a estratexia”, di, cun orzamento de 40 M€
Apunta que Thune Eureka xa foi beneficiaria da liña de apoios que tamén recolle a Iesda para certificacións
Considera a compañía “unha mostra máis desas empresas familiares que, desde Galicia, son quen de chegar a todo o mundo”
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 31 de agosto de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, convidou hoxe a Thune Eureka a sumarse á Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) que, neste momento, ten aberta cun orzamento de 40 millóns de euros a convocatoria dos acordos de asociación, para conformar consorcios empresariais que desenvolvan e fabriquen en Galicia produtos ou servizos neste ámbito.
“Estamos traballando coas empresas galegas que teñen capacidade para incorporarse a este sector”, explicou Lorenzana nunha visita ás instalacións desta compañía para estudar as posibilidades de que participe nesta convocatoria; “o instrumento máis potente que ten a estratexia”, dixo, co prazo aberto ata o vindeiro 30 de setembro.
A conselleira apuntou que Thune Eureka xa foi beneficiaria da liña de apoios que tamén recolle a Iesda para certificacións, que contou cun orzamento de 1,5 millóns de euros. Con ela, abondou, a Xunta busca “apoiar o empresariado galego para que, pouco a pouco, vaia entrando neste mundo, ás veces, complicado para as empresas do ámbito civil”.
Con máis de 50 anos de historia, Thune Eureka está especializada na fabricación de equipos e compoñentes para diversos sectores como o da construción naval, o offshore, a industria frigorífica ou o sector da defensa, entre outros. É, dixo Lorenzana, “unha mostra máis desas empresas familiares que, desde Galicia, son quen de chegar a todo o mundo”.