O presidente da Xunta visitou hoxe a cooperativa Vinos Barco

Rueda cualifica ao sector vitivinícola como estratéxico e confía nunha vendima abondosa e de calidade

Destaca os viños como referentes da Galicia Calidade a nivel nacional e internacional

Salienta que o sector vitivinícola ten un peso insubstituíble como motor económico na nosa comunidade

Desprázase tamén a Carballeda de Valdeorras para coñecer de primeira man o resultado dos traballos de mellora da estrada de Casoio a Riodolas

O Barco de Valdeorras (Ourense), 31 de agosto de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou hoxe ao sector vitivinícola como estratéxico para Galicia e confiou en que a vendima deste ano será abondosa e de excelente calidade en toda a comunidade, segundo apuntan as previsións e sempre que non haxa incidencias.

Así o sinalou esta mañá tras visitar as instalacións da cooperativa Vinos Barco e coñecer de primeira man os traballos de vendima que están realizando. No acto estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez.

Como vén sendo tendencia nos últimos anos, a vendima iniciouse antes do habitual pero as perspectivas coas que se traballan é que se acadará unha boa produción, cunha excelente calidade. Continuaríase así a tendencia do ano pasado, cando xa se rexistrou a segunda colleita máis abondosa da década.

Na súa intervención, o titular do Executivo autonómico puxo a esta adega -fundada a finais dos anos 50- como un “perfecto exemplo” dun sector que soubo adaptarse aos novos tempos sen abandonar os valores fundacionais. Segundo salientou o presidente, o sector vitivinícola ten un peso insubstituíble como motor económico, na produción agroalimentaria galega e tamén é unha “perfecta expresión desa Galicia Calidade que hai que seguir mantendo para triunfar nun mundo tan competitivo”. Na comunidade hai preto de 10.000 viticultores e máis de 440 adegas que elaboran viño con algún selo de identidade.

Rueda sinalou que este foi un “verán excelente desde o punto de vista turístico” e apostou por seguir poñendo en marcha iniciativas coma esta, ben sexan adegas ou outros negocios, que aproveiten as oportunidades que brinda o rural.

Mellora da estrada de Casoio a Riodolas

Tras esta visita, o presidente desprazouse ata Carballeda de Valdeorras para manter un encontro con veciños e empresarios da Lousa, así como para coñecer o resultado dos traballos que se acometeron na estrada de Casoio a Riodolas e que contaron con financiamento do Fondo de Cooperación Local da Xunta.

Tal e como destacou o titular do Goberno galego, o acondicionamento desta vía foi considerado un proxecto estratéxico xa que dá servizo a 25 explotacións activas de extracción e elaboración de lousa, un sector fundamental para a comarca, a provincia e para toda Galicia.

A actuación foi financiada ao 50% entre a Administración autonómica e o concello.

Data de actualización: 31/08/2026