O conselleiro de Sanidade interveu no acto de inauguración da I Xornada Traxectoria e Vida da Academia Asomega, Asociación de Médicos Galegos

Gómez Caamaño destaca o compromiso de Asomega co fomento dunha medicina “excelente, humana e galega”

O titular da carteira sanitaria destaca que Galicia posúe un dos mellores sistemas sanitarios do mundo

Pon en valor o liderado no coidado neonatal, cos programas de cribado e vacinación máis completos e ambiciosos do Estado, o esforzo en protección cardíaca e transplantes de corazón ou o ambicioso proxecto Xenoma Galicia

Remarca tamén o traballo de todos os profesionais implicados na folla de ruta destinada a fortalecer a atención primaria

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o compromiso da Asociación de Médicos Galegos (Asomega) con fomentar unha Medicina “excelente, humana e galega”.

O titular da carteira sanitaria interveu no acto de inauguración da I Xornada Traxectoria e Vida da Academia Asomega. Gómez Caamaño destacou que Galicia posúe un dos mellores sistemas sanitarios do mundo, como o acredita que é líder no coidado neonatal cos programas de cribado e vacinación máis completos e ambiciosos do Estado, ademais de estar á cabeza na protección cardíaca da poboación e ser referencia en materia de transplantes.

Xunto ao anterior, o tratamento que a sanidade pública galega presta á enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) é recoñecido por profesionais e pacientes. 

Entre as iniciativas máis ilusionantes en marcha do Executivo galego, o conselleiro destacou o proxecto Xenoma Galicia, que sitúa á nosa comunidade ante unha oportunidade única para orientar as políticas sanitarias individuais e colectivas dende un valioso coñecemento científico da nosa saúde.

Tamén puxo en valor o conselleiro o traballo de todos os profesionais implicados na folla de ruta destinada a fortalecer a atención primaria.

Para rematar a súa intervención, o máximo responsable do Sergas referiu que ASOMEGA leva máis de 30 anos impulsando a formación dos socios e promovendo sinerxías coas universidades galegas, ademais de organizar encontros mundiais de médicos e xornadas de formación. Igualmente destacou a bolsa de medicina rural que cada ano premia un  proxecto que contribúa a mellorar o sistema sanitario galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2025