A Xunta dá luz verde ambiental condicionada á instalación dun campamento turístico en Ferrol

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a actuación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

A nova instalación contará cun total de seis cabanas residenciais e dúas para servizos complementarios nunha parcela de máis de 8.700 m2

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental condicionado ao proxecto para implantar un campamento de turismo no lugar da Estiva da Bella, no concello de Ferrol, concretamente, nunha parcela cunha superficie total de máis de 8.700 m2.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados deste proxecto, sempre e cando se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución da Xunta.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que se someteu a consultas por parte dun total de dez organismos interesados.

Froito desas consultas, foron establecidos algúns condicionantes que se recollen na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. O informe de impacto ambiental marca tamén o contido que deberá ter o programa de vixilancia e seguimento ambiental, que terá que elaborar o promotor do proxecto.

Así, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha cumprindo certos requisitos establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos fluviais, do solo e as infraestruturas, da xestión de residuos, da integración paisaxística e restauración, así como do patrimonio natural e cultural.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, a Consellería daralle publicidade ao seu contido a través do correspondente anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia e da súa posta á disposición a través da páxina web da Consellería. Ademais, remitirase ao órgano substantivo, que neste caso é a Axencia Turismo de Galicia.

O obxecto do proxecto é a implantación dun campamento de turismo nunha parcela dunha superficie total de máis de 8.700 metros cadrados. Este novo establecemento turístico contará cun total de 10 instalacións prefabricadas, das que oito serán residenciais e outras dúas para servizos complementarios. O máximo de ocupación será de 16 usuarios.

 

Data de actualización: 13/10/2025