Rueda anuncia preto de 3 M€ para axudar ás familias de Infantil e Primaria que utilicen comedores xestionados polas ANPAs, concellos e centros concertados

Estas novas axudas beneficiarán a preto de 20.000 alumnas e alumnos e irán moduladas en función da renda familiar

Destaca que os Orzamentos do 2026 incrementarán máis de 90 M€ a partida para cubrir os pagos a novos dependentes

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025

O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta creará en 2026 unha liña de axudas por valor de preto de 3 millóns de euros, reservados nos Orzamentos do vindeiro ano, para axudar ás familias con fillos e fillas en Infantil e Primaria que utilicen comedores xestionados polas ANPAs, os Concellos ou os centros concertados.

Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o presidente da Xunta salientou que o Goberno galego “segue traballando” e que esta medida busca que os pais e nais con fillos nestas etapas educativas “poidan ter menos gastos nos comedores”. No caso dos xestionados polas ANPAs ou Concellos, o Goberno galego xa viña apoiándoos economicamente con diversas fórmulas.

Estas novas axudas beneficiarán a preto de 20.000 alumnas e alumnos e irán moduladas en función da renda familiar, con 150 euros para os fogares que gañen ata 6.000 euros per capita ao ano e 100 para os que teñan renda de entre 6.000 e 10.000 euros. A medida implantarase nunha primeira fase xa no presente curso 2025-26 para as rendas de ata 6.000 euros e no vindeiro curso 2026-27 estenderase ás familias con rendas de entre 6.000 e 10.000 euros.

A medida súmase a outras como a gratuidade da Educación desde a escola infantil ata o remate da Universidade ou Formación Profesional ou a dedución na Declaración da Renda do 15 % do custe do material escolar e dos libros de texto para Primaria, Secundaria e Educación Especial -ata 105 euros por fillo-, unha medida que irá recollida no Proxecto de lei de Orzamentos que se aprobará esta mesma semana no Consello da Xunta.

Ademais, no que respecta aos comedores escolares, os prezos públicos dos que están xestionados pola Xunta levan anos conxelados, con tarifas accesibles para familias e moduladas en función da renda.

Plan de choque de dependencia

Tamén durante a sesión de control, o titular do Goberno galego destacou que o Plan de choque de dependencia “xa introduciu no sistema a máis de 20.000  persoas en só un ano” e que os Orzamentos do 2026 incrementarán máis de 90 millóns de euros a partida para cubrir os pagos aos novos dependentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2025