O delegado territorial da Xunta, acompañado do xerente e da directora de enfermaría da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba e Josefa Rodríguez respectivamente, visitou esta mañá o colexio CEIP Carlos Casares en Xinzo de Limia

Un total de 10 colexios da provincia de Ourense participan no programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe nos centros escolares

Manuel Pardo destacou que a campaña de vacinación infantil fronte á gripe inclúe os nenos e nenas desde os 6 meses , e de xeito pioneiro, ata os 11 anos 

O delegado territorial explicou que as consellerías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidade e FP, puxeron en marcha este programa piloto de vacinación antigripal por vía intranasal co que se busca chegar a máis de 2.700 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos de Ourense

O obxectivo é acadar unha cobertura do 70 % dos nenos nados entre 2014 e 2022 nos centros educativos seleccionados

O representante do Goberno galego incidiu que a finalidade última é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas deste virus na poboación infantil

Ourense, 15 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá no colexio CEIP Carlos Casares, no concello de Xinzo de Limia, o programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe coa vacina intranasal nos centros educativos. Unha campaña de vacinación infantil que este ano, de xeito pioneiro, tamén inclúe aos nenos e nenas desde os 6 meses ata os 11 anos, o que supón aproximadamente 215.000 persoas en Galicia.

Na visita, o delegado territorial, acompañado do xerente e da directora de enfermaría da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba e Josefa Rodríguez respectivamente, explicou que as consellerías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidades e FP, puxeron en marcha un programa piloto de vacinación antigripal por vía intranasal en 10 centros educativos da provincia de Ourense co que se busca chegar a máis de 2.700 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos.

Manuel Pardo detallou que os centros seleccionados na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras son os de CPR Pablo VI Fátima (A Rúa); CPI Plurilingüe Antonio Faílde (Coles); CPI Terras de Maside (Maside); CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón (O Carballiño); CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar); CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense); CPR Plurilingüe María Inmaculada (Verín); e CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).

Tamén lembrou que nos colexios seleccionados se está a facilitar a vacinación de forma voluntaria aos alumnos de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria. Deste xeito preténdese acadar unha cobertura do 70 % entre os nados entre 2014 e 2022. Nesta liña, aclarou Manuel Pardo, que en función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.

Na provincia de Ourense a vacinación infantil estará dispoñible en todos os centros de saúde e consultorios e o número de doses que está previsto utilizar para poder acadar os obxectivos fixados serían de aproximadamente 102.000 doses de vacina, das cales 10.845 serían as que irían destinadas a poboación infantil.

O representante do Goberno galego rematou incidindo que a finalidade última, de acordo coa campaña xeral de inmunización fronte á gripe, é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas deste virus na poboación infantil, tentando minimizar o impacto na saúde deles mesmos, das súas familias e de toda a poboación, mediante a prevención coa rotura da cadea de transmisión.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2025