O director do Instituto de Estudos do Territorio participou hoxe nunha xornada de traballo con axentes implicados nesta cuestión
A Xunta avanza nos traballos para elaborar a nova estratexia para consolidar a paisaxe galega como recurso estratéxico no desenvolvemento territorial
Reforzarase o seu enfoque transversal e integrador, promovendo a coordinación entre os distintos departamentos da Xunta e fomentando a participación activa dos axentes sociais, económicos, institucionais e da cidadanía
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025
A Xunta está a avanzar nos traballos para elaborar a nova Estratexia da paisaxe galega horizonte 2030, que ten como obxectivo consolidar esta cuestión como recurso estratéxico para o desenvolvemento territorial.
Así, esta mañá celebrouse unha xornada de traballo en Santiago de Compostela na que, baixo a coordinación do Instituto de Estudos do Territorio (IET), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, se reuniron representantes dos departamentos da Xunta con competencias ou actuacións con incidencia sobre o territorio, así como expertos en materia de paisaxe, que se encargan de achegar coñecemento técnico e científico ao proceso.
En concreto, neste encontro os asistentes analizaron o borrador do Informe de posicionamento en materia de paisaxe, que será o documento base e preliminar para o debate previo ao desenvolvemento da estratexia.
Nese senso, ese documento ten como finalidade definir os avances acadados ata o momento en materia de paisaxe; establecer os fundamentos conceptuais e normativos da materia; identificar os retos actuais, e determinar tanto os obxectivos estratéxicos como os principios transversais da futura estratexia.
Segundo dixo o director do IET, Enrique de Salvador, esta estratexia será unha ferramenta clave para continuar impulsando políticas sostibles, inclusivas e territorialmente equilibradas. De feito, dará continuidade ao traballo xa desenvolvido neste eido polo Goberno galego e, ao mesmo tempo, contribuirá a dar resposta a novos desafíos emerxentes como, por exemplo, a crise climática, o despoboamento rural ou a dixitalización do territorio.
Esta nova estratexia ten como reto consolidar a paisaxe non só como valor ambiental, cultural e social, senón tamén como recurso estratéxico para un desenvolvemento territorial máis cohesionado, resiliente e sostible. Para iso, será fundamental seguir reforzando o seu enfoque transversal e integrador, promovendo a coordinación entre os distintos departamentos da Xunta e fomentando a participación activa dos axentes sociais, económicos, institucionais e da cidadanía.
Na reunión celebrada hoxe, de cara a garantir a consolidación da paisaxe como un vector transversal das políticas públicas da Xunta, ademais do director do IET, tamén participaron a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao; o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, así como outros representantes de departamentos da Administración autonómica.