A Xunta emite declaración de impacto ambiental favorable sobre o proxecto para ampliar unha explotación de áridos en Ponteareas

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que a actuación é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia resolución e na documentación avaliada

O obxectivo do promotor da iniciativa é incorporar 61.572 m2 á superficie de aproveitamento actual, unha ampliación que afecta a terreos contiguos á canteira

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025

A Xunta acaba de emitir declaración de impacto ambiental (DIA) favorable á ampliación dunha explotación de áridos localizada na parroquia de San Xulián de Guláns, en Ponteareas, unha decisión supeditada, en todo caso, a que se cumpran os condicionantes e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia DIA, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación presentada polo promotor.

Segundo consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, o proxecto para ampliar a actual canteira, pertencente á concesión de explotación Couso, é ambientalmente viable.

Neste sentido, cómpre destacar que a DIA foi elaborada, a solicitude da Consellería de Economía e Industria, no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto. Asemade, a documentación presentada por Prebetong Áridos, SLU, na súa condición de promotor da actuación, foi sometida a participación pública, cun resultado de nove organismos e entidades preguntados.

Froito destas consultas, os informes sectoriais emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicións que se engaden ás incluídas no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera; augas; solos; patrimonio natural e biodiversidade, e paisaxe, entre outros.

Unha vez emitida esta DIA —que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para desenvolver a ampliación— e publicada tamén no DOG e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, remitirase a resolución ao órgano substantivo para que continúe coa tramitación do proxecto.

Última fase do desdobramento

O obxectivo do proxecto é obter a autorización necesaria para poder ampliar en 61.572 m2 a superficie de aproveitamento de areas e gravas da explotación mineira que existe e opera xa nesta zona, ao oeste de Ponteareas e lindando co concello do Porriño. A ampliación afectará aos terreos contiguos situados ao norte do oco actual.

A extracción realizarase co método de escavación a ceo aberto e proxéctase a apertura de cinco bancos de entre 12 e 15 metros de altura, bermas de aproximadamente 10 metros e varias pistas de acceso.

O método de explotación que se levará a cabo na ampliación da concesión Couso nº 2784 será o mesmo que ata o de agora, é dicir, banqueo descendente e carga con camións e pas para finalmente transportalo aos equipos de trituración e clasificación.

Data de actualización: 15/10/2025