A Xunta inviste 435.300 euros na mellora da estrada LU-636 desde a travesía de Sarria ata o polígono do Morelle
O delegado territorial, Javier Arias, explica que a actuación inclúe a rehabilitación do firme en todo o treito e o reforzo da seguridade no tramo urbano coa implantación de elementos redutores da velocidade
Lugo, 15 de outubro de 2025
A Xunta está a finalizar as obras de acondicionamento da estrada autonómica LU-636 ao seu paso por Sarria, desde o inicio da vía na rúa Diego Pazos – pq 0+830 – ata o polígono do Morelle – pq 4+300 -.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a zona para comprobar a marcha dos traballos, nos que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas inviste 435.300 euros.
A actuación supón a rehabilitación do firme en 3,5 quilómetros, incluído o tramo urbano, mediante a execución de fresados e a reposición do pavimento con formigón bituminoso en quente no ancho completo da plataforma.
Tamén se repintan as marcas viarias en todo o treito, comezando pola travesía de Sarria – rúa Diego Pazos -.
Ademais, na zona urbana implantáronse medidas de ‘calmado do tráfico’ para reforzar a seguridade, consistentes na execución dun lombo de asno redutor da velocidade na entrada á travesía; e na instalación de dous pasos peonís sobreelevados.
O delegado lembrou que esta actuación enmárcase no contrato adxudicado o pasado mes de xuño por 2,3 millóns de euros de orzamento, que inclúe tamén actuacións nas vías LU-536 e LU-622 en Sarria; e na LU-533 no Saviñao.