Gómez Caamaño pon en valor o servizo que prestan aos maiores do rural os equipos de asistencia domiciliaria de atención primaria de Ourense, que suman xa 49.000 consultas

O conselleiro de Sanidade incide en que o Sergas xa contempla de xeito continuo e sistemático o envellecemento da poboación e as súas consecuencias asistenciais nas súas decisións,  tanto a nivel autonómico como por áreas sanitarias

Na área sanitaria de Ourense disponse de servizos de medicina interna de referencia nos tres hospitais da área e cada hospital conta con servizo de hospitalización a domicilio para a mellor atención deste colectivo 

Pon en valor que a Xunta leva anos fomentando a formación sanitaria en xeriatría para reforzar os equipos multidisciplinares dos hospitais públicos 

Sinala que a Xunta está a rematar o Plan galego do paciente crónico complexo, que comezará a súa pilotaxe no vindeiro ano, e que terá un alto impacto na poboación envellecida e con maior complexidade asistencial

Conclúe que a madurez da rede existente entre atención primaria e medicina interna está a dar unha resposta axeitada e de calidade á poboación anciá e de maior complexidade

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor no Parlamento de Galicia o servizo que prestan aos maiores do rural os sete equipos de asistencia domiciliaria de atención primaria de Ourense, formados por 14 profesionais, que suman xa 49.000 consultas desde a súa posta en marcha e cuxa actividade é altamente recoñecida pola cidadanía.

En resposta a unha interpelación no Pleno da Cámara, o conselleiro remarcou que o Goberno galego é plenamente consciente do reto demográfico que afronta a comunidade e, en particular, a provincia de Ourense. Neste senso, incidiu en que o seu departamento xa contempla de xeito continuo e sistemático o envellecemento da poboación e as súas consecuencias asistenciais nas súas decisións, tanto a nivel autonómico como por áreas sanitarias.

No que respecta ao caso concreto da área sanitaria de Ourense, o Servizo Galego de Saúde dispón de servizos de medicina interna de referencia nos tres hospitais da área. Ademais, cada hospital conta con servizo de hospitalización a domicilio que nos últimos anos está a crecer de xeito notorio e que no que vai de ano leva máis 750 procesos.

Tamén puxo en valor que a Xunta leva anos fomentando a formación sanitaria en xeriatría para reforzar os equipos multidisciplinares dos hospitais do Servizo Galego de Saúde, o que fai que actualmente o departamento sanitario galego conte con 14 residentes formándose nas especialidades de xeriatría e enfermería xeriátrica.

Igualmente destacou que a área sanitaria de Ourense é a que ten un maior número de centros de saúde de toda Galicia, garantindo unha atención accesible, próxima e de calidade.

Xunto ao anterior, puxo en valor o servizo que prestan as novas tecnoloxías, como a plataforma tecnolóxica TELEA, para o seguimento e control dos pacientes crónicos nos seus domicilios.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro dixo que a Xunta está a rematar o Plan galego do paciente crónico complexo, que comezará a súa pilotaxe no vindeiro ano e que terá un alto impacto na poboación envellecida e con maior complexidade asistencial, buscando dar unha resposta integral e coordinada ás súas necesidades.

Sistema global

Segundo Gómez Caamaño, coidar das persoas maiores implica actuar nos distintos niveis asistenciais e de maneira coordinada, posto que o modelo asistencial galego se concibe como un sistema global que integra a atención primaria e hospitalaria e tamén domiciliaria.

Ao respecto, o Goberno galego ten impulsado iniciativas como a hospitalización a domicilio, un modelo que traslada os coidados hospitalarios ao fogar do paciente, especialmente importante nunha provincia como Ourense, con poboación envellecida, dispersa e rural.

O conselleiro referiu que a atención aos maiores require un enfoque integral, coordinado e multidisciplinar, e servizos como medicina interna, xunto con xeriatría, atención primaria e atención domiciliaria, así como os coidados de enfermería, constitúen os eixes centrais da asistencia.

O responsable do Servizo Galego de Saúde insistiu en que non se pode restrinxir a atención dos maiores a unha soa especialidade, senón que é preciso un traballo conxunto que mellore a eficiencia, a calidade asistencial e a satisfacción dos pacientes.

Para Gómez Caamaño, a prevención, a xestión proactiva da cronicidade e a coordinación entre primaria e hospitalaria, son os piares fundamentais dun sistema orientado a anticiparse á enfermidade.

Grazas ao traballo dos equipos de atención primaria e á colaboración do tecido social e institucional a través dos Plans locais de saúde postos en marcha pola Consellería de Sanidade, estanse a desenvolver proxectos que fortalecen a participación cidadá, a prevención e o acompañamento das persoas con maior vulnerabilidade.

En concreto, o conselleiro explicou que neste ano lévanse realizado en Ourense 137 obradoiros de saúde nos que participaron preto de 2.200 persoas, na súa inmensa maioría maiores, o que reflicte o forte compoñente da rede asistencial galega.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que a madurez da rede existente  entre atención primaria e medicina interna está a dar unha resposta axeitada e de calidade á poboación anciá e de maior complexidade da provincia de Ourense, sendo un modelo que a Xunta continuará a reforzar e incrementar os seus recursos.

Data de actualización: 15/10/2025