Arias destaca que o modelo de turismo sostible da Xunta favorece a convivencia e reparte riqueza por todo o territorio

O delegado territorial da Xunta en Lugo clausurou hoxe unha xornada de debate organizada en Sober pola Unión de Consumidores de Galicia

Sober (Lugo), 14 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, defendeu hoxe que o modelo turístico de Galicia baséase na sostibilidade, o que favorece a convivencia e minimiza “os efectos de puntuais masificacións, ordenando fluxos, descentralizando destinos, desestacionalizando a oferta e poñendo límites se é necesario”.

Arias clausurou o xornada “A sustentabilidade do turismo en Galicia: Os riscos da turismofobia”, organizada en Sober pola Unión de Consumidores de Galicia. Ao longo da mañá, expertos en distintas materias debateron en tres mesas redondas sobre este fenómeno, os bulos ou esaxeracións que en ocasións o alimentan, e os posibles antídotos para solucionar o problema. Previamente, a conferencia inaugural correu a cargo do economista Enrique Benítez Palma, investigador do Instituto Universitario de Investigación Ortega e Marañón (IUIOM).

O delegado gabou o encontro e afirmou que a Xunta comparte a valoración de que  “o  turismo é unha ferramenta de progreso económico e social pero require planificación, responsabilidade e respecto polo entorno”, poñendo como exemplo á propia Ribeira Sacra.

Así, lembrou que Turismo de Galicia ten en marcha na zona propostas como o Plan de Sostibilidade Turística en Destino ou o Plan Territorial de Cascos Históricos e Vilas Termais.

Ademais, referiuse aos esforzos para consolidar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO, “que é tamén unha declaración de principios que confirma que Galicia aposta por un turismo que preserva o que ten valor, en lugar de esgotalo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2025