O conselleiro de Sanidade respondeu no Parlamento galego a unha pregunta sobre o persoal de atención primaria neste municipio
Gómez Caamaño remarca que a Xunta ultima unha reordenación dos recursos humanos de atención primaria que permitirá reforzar a cobertura en centros de saúde como o de Ribeira
Remarca que, pese á falta de facultativos, a asistencia sanitaria en Ribeira está plenamente garantida e agradece o traballo dos profesionais neste obxectivo
O conselleiro precisou que o persoal residente que vén de rematar a súa etapa formativa en Ribeira xa está prestando servizo no centro de saúde
Lamenta que o Ministerio de Sanidade non adopte medidas efectivas que palien o déficit de facultativos que sofre o conxunto do Sistema Nacional de Saúde
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta tarde no Parlamento que a Xunta está a ultimar unha reordenación dos recursos humanos de atención primaria que permitirá reforzar a cobertura en centros de saúde como o de Ribeira.
Segundo explicou, o Servizo Galego de Saúde presentará, antes de que finalice o presente ano, un documento con medidas para facer fronte ás necesidades de persoal coas que conta o primeiro nivel asistencial da sanidade pública galega.
Durante a súa intervención, Gómez Caamaño remarcou que, pese ao déficit de profesionais, a asistencia sanitaria está plenamente garantida en Ribeira, ao tempo que agradeceu o labor dos profesionais que prestan o seu servizo nos centros da localidade.
“En Ribeira hai catro pediatras e os catro atenden no propio día, sen demora“, referiu a modo de exemplo o conselleiro.
Así, destacou as medidas postas en marcha polo Executivo galego para atallar o problema da falta de médicos de familia e pediatras, coa reorganización asistencial mediante intersubstitucións e prolongacións de xornada, a dotación de novas prazas de difícil cobertura, ou a formación do 100 % das prazas MIR que o Ministerio de Sanidade lle acredita a Galicia.
Sobre este particular, o conselleiro salientou que os profesionais que remataron a súa residencia en Ribeira, o pasado mes de xullo, xa están prestando servizo no centro de saúde.
Gómez Caamaño lamentou unha vez máis que o Ministerio de Sanidade, que é quen conta coas competencias para paliar o déficit de facultativos do Sistema Nacional de Saúde, non adopte medidas efectivas para solucionar este problema, nin contemple as propostas que lle achegan as diferentes comunidades autónomas.
Neste senso, pechou a súa intervención reiterando que é preciso que o Goberno central permita ampliar a idade de xubilación dos facultativos ata os 72 anos e tamén que se axilice a homologación dos títulos estranxeiros.