Activo un incendio no concello ourensán da Gudiña, parroquia de Parada da Serra
O lume, que todo indica que se trata dunha reprodución do rexistrado o pasado domingo na mesma zona, iniciouse ás 16.32 horas de hoxe e segundo as últimas estimacións afecta superficie de máis de 20 hectáreas
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025
A Consellería do Medio Rural informa de que permanece activo un incendio forestal no concello ourensán da Gudiña, parroquia de Parada da Serra.
O lume, que todo indica que se trata dunha reprodución do rexistrado o pasado domingo na mesma zona, iniciouse ás 16.32 horas de hoxe e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 8 axentes, 9 brigadas, 5 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 6 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.