A Xunta destaca o papel do Contract como exemplo do talento e da capacidade industrial galega
A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración da XV Semana Internacional Contract Galicia onde subliña que este sector representa “a nova Galicia industrial: creativa, sostible e aberta ao mundo”, con máis de 7.000 empregos e unha facturación que supera os 400 millóns de euros anuais
Destaca o compromiso da Xunta coa internacionalización, a dixitalización e o crecemento das empresas galegas do contract, a través do acompañamento financeiro e da colaboración público-privada
Oleiros, 16 de outubro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración da XV Semana Internacional Contract Galicia, un encontro de referencia que cumpre quince edicións e que se consolida como escaparate da creatividade, a innovación e a capacidade industrial galega.
Durante a súa intervención, Toca destacou que o contract é “unha das mellores expresións da forma de ser e de facer da nosa industria”, un sector que combina talento, destreza e visión empresarial, e que “evolucionou desde os oficios tradicionais cara a unha industria moderna, global e altamente competitiva”. Neste sentido, lembrou que o ecosistema contract galego xera máis de 7.000 postos de traballo e supera os 400 millóns de euros de facturación anual, con presenza en máis dun centenar de países.
“Detrás de cada proxecto hai unha historia de colaboración, de esforzo e de confianza, e sobre todo de orgullo por facer as cousas ben, desde aquí, desde Galicia”, sinalou Toca, quen puxo en valor o carácter colaborativo e o espírito innovador das empresas do sector.
A responsable do Igape incidiu tamén na vocación internacional do contract galego, que “forma parte da historia de éxito exportadora de Galicia”, con empresas presentes en proxectos en Europa, América, Asia e Oriente Medio. “Nun contexto global complexo, Galicia segue a medrar, diversificando mercados e consolidando a súa presenza exterior”, afirmou.
Toca subliñou o compromiso da Xunta de Galicia co sector, a través do acompañamento ás empresas nos seus procesos de internacionalización, modernización e impulso competitivo. “Queremos que dispoñan de ferramentas de financiamento adaptadas, apoio na procura de novos mercados e asesoramento especializado para avanzar en dixitalización, sustentabilidade e innovación”, explicou.
Neste sentido, destacou que o contract galego é “un exemplo claro de como a colaboración público-privada pode transformar un sector”, grazas ao traballo conxunto entre empresas, clústeres e institucións para abrir novos canais de exportación, reforzar a presenza en feiras internacionais e visibilizar o talento galego en proxectos de gran envergadura.
Para rematar, Covadonga Toca celebrou o 15º aniversario da Semana Internacional Contract como “un fito que simboliza a cooperación, o crecemento conxunto e o traballo ben feito”. “O contract galego converte as ideas en proxectos, os espazos en oportunidades e o talento en crecemento para toda Galicia”, concluíu.