Galicia avoga en Bruxelas polo seu modelo de “diversificación industrial” dentro do Programa Europeo de Defensa
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, considera prioritario “seguir impulsando a capacidade de dobre uso para as empresas galegas”
A Comisión de Política Económica (ECON) do Comité das Rexións debateu onte impulsar medidas lexislativas, económicas e de apoio empresarial para a transformación da industria de defensa da UE, iniciativas en sintonía coa política do Goberno galego neste ámbito
Bruxelas (Bélxica), 24 de abril de 2026
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou onte na Comisión de Política Económica (ECON) do Comité das Rexións, na que se debateu a proposta presentada o pasado novembro pola Comisión Europea Folla de ruta para a transformación da defensa da UE. A Xunta apoia as solucións de diversificación industrial, fomentando o desenvolvemento do denominado dobre uso (civil e militar), en consonancia coas políticas que a Unión Europea vai desenvolver en materia de defensa e ciberseguridade.
Gamallo considera prioritario “seguir impulsando a capacidade de dobre uso para as empresas galegas, o que sitúa Galicia en primeira liña da transformación industrial”. Cita exemplos como os sectores naval e marítimo, téxtil, enerxético e os ámbitos da ciberseguridade, a IA e as tecnoloxías dixitais, que forman parte da estratexia de innovación e desenvolvemento económico que promove o Goberno galego. “Galicia conta cunha base industrial sólida e diversificada”, di Gamallo, e subliña que a Xunta puxo en marcha en 2025 a Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo, co fin de introducir paulatinamente as tecnoloxías de dobre uso nas industrias civís.
Estes plans van en consonancia co debatido onte na Comisión de Política Económica para a transformación da industria de defensa da UE. Galicia avoga por un investimento en defensa que reforce a modernización industrial, xere emprego e reteña talento, ademais de potenciar infraestruturas útiles tamén para usos civís. O dobre uso industrial permite aliñar defensa, innovación, educación, transición enerxética e desenvolvemento territorial, para que a transformación da defensa reforce a cohesión e o benestar das comunidades locais.
Na reunión abordáronse outros ditames como a Carteira Europea de Empresas, a Revisión da ciberseguridade e o Regulamento de Redes Dixitais, así como a Lei de Aceleración Industrial, orientada a impulsar a fabricación, o crecemento empresarial e a creación de emprego na UE.
No mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na Comisión de Política Económica (ECON). Esta última elabora ditames sobre economía, industria ou competencia, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos en relación á política económica, industrial e comercial comunitaria.