O festival de maxia ‘Galicia Ilusiona’ pecha esta fin de semana en Ferrol unha programación que este ano ampliou o seu alcance a oito localidades galegas

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, presentou esta mañá o evento que terá lugar os días 18 e 19 de outubro na cidade naval

Destacou o crecemento experimentado polo festival e o éxito de público acadado

Ferrol, 16 de outubro de 2025

A cuarta edición do festival de maxia Galicia Ilusiona pecha esta fin de semana en Ferrol a súa programación anual de galas que, co apoio de Turismo de Galicia, ampliou este ano o seu alcance, chegando a oito localidades galegas. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, presentou o evento que terá no teatro Jofre cinco pases - o sábado 18, ás 18.00 e ás 20.30 horas e o domingo 19, ás 12.30, 18.00 e 20.30 horas-. 

Durante a presentación, na que Aneiros estivo acompañada do concelleiro de Festas de Ferrol, Arán López, e dos directores da gala, Dani Polo e Pedro Bugarín, deuse conta do crecemento que ten experimentado o festival e o éxito de público acadado -este ano esperan chegar aos 100.000 espectadores acumulados ao longo das catro edicións-.

A representante da Xunta destacou a contribución deste tipo de eventos “a seguir incrementando os atractivos da cidade como destino urbano e o potencial turístico de toda a Comunidade autónoma”.

A programación inclúe nesta edición a presenza de artistas internacionais multipremiados que visitan Galicia por primeira vez para ofrecer espectáculos únicos. Entre eles, Seimei , un mago manipulador coreano premiado coa variña de ouro de Monte Carlo; a Compañía Mag Edgard, premiada co premio FISM Turín 2025 a mellor espectáculo mundial; Nacho Samena, talento galego emerxente premio nacional de maxia 2024; David Burlet, artista carismático premio ao mellor malabarista francés durante 3 anos seguidos e o Mago Murphy, presentador e mestre de cerimonias con numerosos premios nacionais ao mellor presentador de galas internacionais.

As entradas para acudir á gala internacional de maxia Galicia Ilusiona poden adquirirse a través da web oficial do evento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2025