Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes e de Economía e Industria participan no ‘Foro Ourense Industrial. O futuro do transporte de mercadorías en Ourense’
A Xunta pon en valor o transporte de mercadorías para contribuír á competetividade económica da comunidade
Diego Calvo reclama concrecións sobre o Plan Director do Corredor Atlántico de Mercadorías e esixe ao Goberno central avances en infraestruturas ferroviarias pendentes que afectan á conexión da provincia ourensá como a modernización das liñas Ourense–Monforte–Lugo, Vigo–Redondela–Guillarei–Ourense ou Ourense–Zamora
María Jesús Lorenzana ratificou o compromiso da Xunta coa proxecto da estación de mercadorías ferroviarias de San Cibrao das Viñas e avanzou que o Goberno galego “vai proceder a modificar” o proxecto sectorial da Cidade do Transporte para poder dispor da superficie necesaria para a súa construción
Apunta que Ourense é unha das provincias con máis solo industrial en tramitación, tres millóns de metros cadrados, porque “é necesario” e, ademais, trátase dunha provincia “con futuro industrial”
Ourense, 16 de outubro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participaron hoxe xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, no Foro Ourense Industrial. O futuro do transporte de mercadorías en Ourense, organizado pola Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao. No encontro púxose de manifesto a importancia de apoiar a este sector estratéxico esencial para garantir a competitividade económica da comunidade.
Na súa intervención, Diego Calvo destacou o transporte ferroviario de mercadorías como unha oportunidade, ao tempo que incidiu na necesidade de que o Goberno central invirta en mellorar os servizos e as infraestruturas para que sexan competitivos. Así, a Xunta avoga por apostar por trens longos e locomotoras con maior capacidade de arrastre, ademais de impulsar as autoestradas ferroviarias e as terminais.
Pese a que se trata dunha competencia estatal, a Xunta colabora co Cluster da Función Loxística de Galicia no fomento do transporte ferroviario de mercadorías a través do Corredor Atlántico e, por iso, a Dirección Xeral de Mobilidade conta cun novo servizo de loxística e instalacións ferroviarias e aeronáuticas para impulsar o papel da comunidade nestes sectores.
Diego Calvo referiuse tamén ao carácter estratéxico do Corredor Atlántico para incrementar as capacidades loxísticas e a competitividade de Galicia no transporte de mercadorías. Nesta liña, lembrou que o Goberno galego segue sen ter concrecións do seu Plan Director e que a comunidade segue sumando retrasos nas infraestruturas pendentes e incidencias nos servizos ferroviarios. No caso dos incumprimentos do Executivo estatal coa provincia ourensá mencionou a necesidade de axilizar a modernización do corredor ferroviario Ourense-Monforte-Lugo, avanzar na da liña Vigo obras como a modernización do corredor ferroviario Ourense-Monforte-Lugo, a liña Vigo-Redondela-Guillarei-Ourense polo Miño ou a que une Ourense e Zamora, todas elas esenciais para a conexión ferroviaria de Galicia.
En canto ao transporte de mercadorías por estrada, a Xunta conta con medidas para facilitar a incorporación de novos profesionais como é o caso das axudas para a obtención dos carnés das clases C e D e do certificado de aptitude profesional (CAP). Apuntou tamén o apoio ás mulleres transportistas, coa posta en marcha dunha rede pioneira en España de áreas de estacionamento seguro con 1.500 prazas, como a inaugurada a comezos deste ano no polígono de San Cibrao das Viñas froito da colaboración entre o Goberno galego, a Deputación de Ourense e o empresariado.
A maiores, avanzou que se está a traballar na orde de axudas para o desenvolvemento de áreas de estacionamento seguras e protexidas para vehículos de transporte de mercadorías por 500.000 euros para a instalación de 250 prazas. Apuntou tamén o impulso á modernización, dixitalización e transformación das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías, con axudas específicas financiadas con fondos europeos.
Unha infraestrutura moi necesaria
Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria destacou que Ourense é unha das provincias con máis solo industrial en tramitación, tres millóns de metros cadrados, porque “é necesario” e, ademais, trátase dunha provincia “con futuro industrial”.
Neste contexto, ratificou o compromiso da Xunta co proxecto da estación de mercadorías ferroviarias de San Cibrao das Viñas e avanzou que o Goberno galego “vai proceder a modificar” o proxecto sectorial da Cidade do Transporte para ampliar a superficie e poder incorporar, así, os metros cadrados necesarios para a construción desta infraestrutura (preto de 26.000 m²).
Nesta liña, a Xunta apoia a esixencia da asociación de empresarios ao Goberno central de redactar un estudo de viabilidade para a construción desta terminal, susceptible de ser incluída no Corredor Atlántico de mercadorías, e para o que se precisa que o Executivo estatal acceda á súa licitación.