A Xunta destaca que a colaboración co tecido social permite a Galicia contar cunha das mellores redes de protección a vítimas de trata e avanzar nos seus dereitos

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero lembrou que se está avanzando coas entidades a redacción do II Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual

Roberto Barba recordou que o Goberno central segue sen aprobar a normativa prometida sobre esta materia

A Coruña, 16 de outubro de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou hoxe na xornada Atención a vítimas de trata ou explotación sexual desde a detección ao fin do procedemento xudicial que se celebra na Universidade da Coruña. Durante a súa participación destacou que a colaboración entre a Xunta e as entidades sociais está permitindo dar grandes pasos na atención e protección ás vítimas.

Neste sentido, Roberto Barba lembrou que Galicia conta cunha das mellores redes de acollemento de España para vítimas de trata, algo que é posible –dixo- grazas ao papel que desenvolve o tecido asociativo. Así, recalcou que  ademais dun servizo habitacional e de protección, a Xunta tamén garante a súa recuperación integral a través de axudas económicas e o fomento da súa inserción laboral, un piar fundamental para a súa independencia económica.

Na súa intervención, o director xeral recordou que o Goberno galego segue traballando para garantir a protección e atención a todas as vítimas polo que está colaborado con todas as entidades sociais do sector para elaborar o II Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual. Deste xeito, fixo fincapé en que o obxectivo da Xunta é que, igual que aconteceu co I Plan, o grao de cumprimento deste novo documento sexa alto, porque “é unha ferramenta esencial para seguir loitando contra esta lacra”.

Ademais, o director xeral tamén aproveitou para esixirlle ao Goberno central que elabore a Lei de trata que prometeu hai máis dun ano que sacaría adiante e da que –recalcou Barba- non hai ningún avance. En contraposición, dixo, en Galicia as vítimas de calquera tipo de violencia sexual contan con todas as garantías e proteccións, grazas a que a norma autonómica as considera de igual xeito vítimas de violencia de xénero.

Data de actualización: 16/10/2025