A Xunta aborda co persoal da Administración de Xustiza en Ferrol a reforma das oficinas xudiciais de Galicia no marco da implantación da Lei de Eficiencia do Servizo de Xustiza

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, lembrou os dous modelos de oficina xudicial e que, agás nas cidades, xa están implantadas desde o pasado 1 de xullo 

A Coruña, 16 de outubro de 2025

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, abordou co persoal da Administración de Xustiza na Coruña a implantación da nova oficina xudicial no marco da Lei estatal de Eficiencia do Servizo de Xustiza. Tronchoni explicou que as oficinas xudiciais deben coordinarse coas oficinas de xustiza dos municipios para a adecuada práctica dos actos de comunicación e posibilitarán a intervención de residentes no municipio por videoconferencia e os demais servizos encomendados a esas oficinas.

A estrutura establecida para as oficinas xudiciais da Coruña é diferente do resto das cidades por contar co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Desta maneira esta cidade contará con cinco centros de destino. O primeiro deles é o servizo común de tramitación do TSXG, que comprende actualmente tres salas (sala civil e penal, contencioso-administrativo e social). A este servizo súmanse a Secretaría de Goberno, o Servizo Común de Tramitación do Tribunal de Instancia e da Audiencia Provincial, o Servizo Común Xeral -que integra os servizos de rexistro e reparto de asuntos, os actos de comunicación e embargos e os procesos electorais- e, por último, o Servizo Común de Execución, que comprende a execución de todos os Tribunais.

Ademais, cómpre ter en conta que o Rexistro civil é un órgano exclusivo e diferenciado dos Tribunais e que ten carácter administrativo polo que ten unha Relación de Postos de Traballo (RPT) diferente e propia, no que mantén o seu cadro de persoal, e cuxa titular é unha letrada de la Administración de Justicia.

Á fronte de todos estes servizos estará un letrado da Administración de Xustiza e, neste caso, divídense en áreas sen prexuízos da creación de grupos de traballo con persoal funcionario dos corpos de xestión e tramitación procesual, así como do de auxilio xudicial no caso dos servizos de tramitación e xerais.

Canto á fase de implantación, desde o 1 de xullo xa están operativas en base á normativa estatal na provincia da Coruña as de Arzúa, Betanzos, Carballo, Corcubión, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Ortigueira, Padrón e Ribeira.  Para as oficinas xudiciais do segundo modelo, situadas nas sete cidades galegas, a fase de implantación remata o 31 de decembro, na que se inclúe a cidade da Coruña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2025