Román Rodríguez destaca o éxito das novas FP para colectivos vulnerables e adultos que se estrean en Vigo
O conselleiro visita o Centro Público de Educación de Persoas Adultas no Berbés, onde subliña a aposta da Xunta por unha FP “á carta” que dea cabida a todos
As novas modalidades pioneiras de FP Básica Adaptada e de FP Básica para Adultos darán oportunidades a 22 estudantes de Comercio e de Servizos Administrativos
A FP medra de novo na área viguesa ata os 18.686 matriculados, preto dun 3% máis ca no curso pasado, e é a que concentra o maior número de alumnos de FP de toda Galicia
Vigo, 16 de outubro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destaca a boa acollida das novas modalidades de FP enfocadas a proporcionar saídas profesionais aos colectivos máis vulnerables e á inserción laboral de persoas adultas que se estrean como experiencia piloto este curso no Centro Público de Educación de Persoas Adultas, EPAPU Berbés de Vigo, dependente da Xunta.
O titular de Educación do Goberno galego visitou o centro acompañado pola directora de Formación Profesional, Eugenia Pérez. Nel está matriculadas un total de 22 persoas nos novos ciclos de FP Básica Adaptada e de FP Básica para Adultos, onde puido coñecer de primeira man a experiencia formativa pioneira que están a recibir estes alumnos.
En concreto, na FP Básica Adaptada, modalidade pioneira este curso, estréanse nove estudantes cun programa en Comercio. Tal e como explicou o conselleiro, o obxectivo desta modalidade adaptada é proporcionar unha cualificación e apoio personalizado a colectivos vulnerables co fin de fomentar a súa inclusión social e laboral. Neste senso, puxo en valor a importancia de impulsar sinerxías entre o sistema educativo e as distintas entidades de Educación Especial e de atención á diversidade para asegurar a permanencia dos colectivos vulnerables no sistema educativo, máis aló do ensino obrigatorio.
En canto á FP Básica para Adultos, concibida como unha opción formativa tamén pioneira especificamente deseñada para favorecer a capacitación profesional e a reinserción laboral de persoas adultas que non dispoñen de títulos por abandonaren o sistema, a EPAPU Berbés debuta con 13 estudantes no grao básico de Servizos Administrativos.
Así mesmo, aproveitou a visita á cidade olívica para salientar a boa dinámica dos datos de FP na área de Vigo, que é a que concentra o maior número de alumnos de toda Galicia. No conxunto dos concellos da zona hai matriculadas 18.686 persoas en Formación Profesional, o que representa un incremento de preto do 3% respecto ao curso académico anterior.
Novo Plan FPGal360
Os novos programas introducidos en Vigo forman parte da nova acción no marco da FP Plan FPGal360, un sistema integral de orientación profesional que guíe e acompañe á cidadanía na toma de decisións ao longo da súa vida persoal e profesional.
Segundo explicou o conselleiro, o que se busca con estas novas modalidades pioneiras de Galicia é poñer o énfase non só nos estudantes, senón naquelas persoas -especialmente a poboación masculina- que abandonaron os estudos no seu momento e que hoxe queren ou precisan reforzar a súa formación e recualificarse, así como na atención á diversidade no caso de colectivos vulnerables. En definitiva, Román Rodríguez reivindicou o impulso da Xunta dunha Formación Profesional “á carta” onde todo aquel que o desexe atope vías formativas que se adapten ás súas necesidades e preferencias.