O Servizo Galego de Saúde impulsa a excelencia nos coidados de feridas cunha nova xornada formativa do programa Úlceras Fóra

A xornada formativa congregou 140 profesionais sanitarios que recibiron coñecementos técnicos e teóricos avanzados no tratamento das lesións cutáneas

O programa Úlceras Fóra conta cun importante recoñecemento a nivel nacional, recibindo diversos premios desde a súa posta en marcha

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2025

O Servizo Galego de Saúde vén de celebrar unha nova xornada formativa Úlceras Fóra: Facendo equipo, coa que impulsa os coidados da feridas e a integridade cutánea e tisular.

A xornada formativa congregou 140 profesionais sanitarios co obxectivo de reforzar as competencias na abordaxe das úlceras e das lesión cutáneas. 

O programa Úlceras Fóra leva a cabo un plan de xestión do coñecemento en feridas, onde a experiencia e coñecementos dos profesionais resulta clave á hora de deseñar actividades, de impartir formación, de crear contidos e de xestionar recursos.

O programa está dirixido aos profesionais do Servizo Galego de Saúde, dos centros sociosanitarios, a pacientes e a coidadores que se encargan de cubrir todas as necesidades básicas da poboación dependente.

Entre os obxectivos desta xornada destacan ampliar os coñecementos técnicos e teóricos avanzados no tratamento de feridas para diminuír a súa incidencia, establecer criterios asistenciais comúns baseados na actual evidencia científica, promover a interrelación entre pacientes e coidadores co sistema sanitario e, sobre todo, mellorar a calidade de vida e a seguridade dos pacientes. 

Unha vez conclúa o programa formativo deste ano, o Servizo Galego de Saúde superará os 220 profesionais formados en toda Galicia, o que garante unha atención asistencial de alta calidade.

O programa Úlceras Fóra foi recoñecido a nivel nacional, recibindo diversos premios desde o ano 2014. Entre eles destaca a Insignia de Ouro do GNEAUPP (Grupo Nacional para o Estudo e Asesoramento en Úlceras por Presión e Feridas Crónicas) obtida en 2018.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2025