Así adiantou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na inauguración da 'XXVI Xornada central de formación en vacinas', que se celebra no edificio administrativo de San Lázaro

A Xunta incrementa ata os 48,2 millóns de euros o orzamento en vacinación en 2026, o que supón unha suba de máis do 17 %

O titular de Sanidade sinala que o incremento de 7,2 millóns con respecto a 2025 permitirá reforzar, ante todo, a protección do colectivo de persoas maiores, con distintas estratexias encamiñadas a aumentar as coberturas de vacinación

Remarca que Galicia seguirá a manter a súa posición de vangarda, co calendario de inmunización ao longo de toda a vida máis completo do Estado, recoñecido tamén a nivel internacional

Incide en que o pasado 29 de setembro se iniciou a campaña de vacinación fronte á gripe e á covid, con novidades como a administración da vacina de alta carga a partir dos 70 anos ou a ampliación da vacinación infantil fronte á gripe ata os 11 anos

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, adiantou hoxe que nos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano se incrementará a partida destinada a vacinación máis dun 17 %, acadando os 42,8 millóns de euros, o que supón 7,2 millóns máis que en 2025.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado da directora do Centro galego para o control e prevención de enfermidades (Cegace), Marta Piñeiro, interveu no acto de inauguración da XXVI Xornada central de formación en vacinas, que organiza a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Neste foro, o conselleiro remarcou que esta suba orzamentaria en vacinas vai posibilitar que a Xunta reforce, sobre todo, a protección dun dos grupos máis vulnerables, o das persoas maiores, a través de distintas estratexias que se desenvolverán para aumentar as coberturas de vacinación en adultos.

Na súa intervención no acto, Gómez Caamaño puxo en valor que Galicia ten o calendario de inmunización ao longo de toda a vida máis completo de España, recoñecido tamén a nivel internacional pola introdución de novas vacinas e indicacións, ademais de pola capacidade de innovación en xestión e investigación.

Campaña de vacinación e outras iniciativas

O responsable da sanidade pública incidiu en que o pasado mes de setembro comezou a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid que inclúe, entre outras novidades, a ampliación da vacinación fronte á gripe na poboación infantil ata os 11 anos, a inmunización coa vacina intranasal aos nenos e nenas de entre 2 e 11 anos e un proxecto piloto de vacinación nos colexios nos que participan 55 centros de toda a comunidade e que está a ter boa acollida, xa que ata o momento ao redor do 50-55 % dos nenos e nenas chamados a vacinarse nos colexios están a participar.

Tamén destacou o conselleiro o ensaio clínico GALFLU, no que participaron 135.000 galegos e que foi posible grazas á colaboración do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago. O conselleiro referiu que, sobre a evidencia deste estudo, a Xunta ampliou a administración da vacina de alta carga fronte á gripe a partir dos 70 anos, que ata o de agora se administraba aos maiores de 80.

Xunto ao anterior, Gómez Caamaño subliñou os novos enfoques da Xunta na compra de vacinas, concretamente o acordo de risco compartido, unha modalidade pioneira a nivel mundial baseada nos resultados en saúde.

Na súas verbas, o responsable da sanidade pública galega puxo en valor os resultados da campaña antigripal do pasado ano, que obtivo unha das mellores coberturas a nivel nacional, cun 71 % en maiores de 65 anos e preto dun 66 % nos nenos de 6 meses a 5 anos.

Na xornada tamén se aborda o poder das vacinas frontes ás enfermidades de transmisión sexual. Ao respecto, o conselleiro dixo que a Xunta está a dar grandes pasos neste ámbito coa incorporación da protección fronte ao meningococo B, que igualmente proporciona cobertura cruzada fronte ao gonococo, sendo Galicia a primeira comunidade en incorporar esta medida ao calendario de vacinación.

A xornada será clausurada logo dunha conferencia sobre os 50 anos do calendario de vacinación, que imparte Jaime Jesús Pérez Martín, presidente da Asociación Española de Vacinoloxía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2025