Belén do Campo destaca a gran colaboración das nais e pais no proxecto da vacinación infantil no que participaron ao redor de 300 nenos do CPR Fogar de Santa Margarida

A delegada da Xunta visitou este centro educativo para compartir cos alumnos e profesores a experiencia desta campaña pioneira que comezou o 13 de outubro e rematará o 23 de outubro na provincia e na que participaron 9 centros educativos da Coruña e comarca, e das áreas de Betanzos e Bergantiños

A Coruña, 20 de outubro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o CPR Fogar de Santa Margarida, acompañada pola directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, para compartir cos alumnos e profesores a experiencia do proxecto piloto de vacinación contra a gripe dirixido a alumnos de 4º, 5º e 6º de educación infantil e a todos os cursos de educación primaria nos colexios seleccionados de forma voluntaria. A campaña na área sanitaria A Coruña-Cee remata hoxe con máis de 2.700 vacinas subministradas e unha porcentaxe de nenas e nenos vacinados superior ao 52%.

Belén do Campo agradeceu a gran colaboración do centros e das nais e pais xa que é fundamental para o éxito desta iniciativa. As familias deben asinar un consentimento informado que autorice a vacinación dos seus fillos e fillas e entregalo no propio centro educativo. Ademais, antes da administración da dose, o persoal sanitario está revisando a historia clínica dos menores para garantir que cumpren os requisitos médicos necesarios.

A representante do Goberno autonómico destacou que neste centro tiveron acceso á vacina 553 alumnos e foron autorizados 299  o que supón unha porcentaxe superior ao 54%. Esta iniciativa está impulsada conxuntamente polas Consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que busca reforzar o liderado galego en materia de saúde pública e innovación preventiva.

A delegada da Xunta lembrou que a campaña comezou o pasado martes no CEIP María Barbeito de A Coruña, no CEIP O Fogar de Carballo e no  CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos; o mércores 15 vacinouse no CEIP Otero Pedrayo da Laracha; o xoves 16 de outubro no CEIP Raquel Camacho e no CEIP Eusebio da Garda na Coruña e no CPR Andaina de Culleredo;  e remataran hoxe nesta área sanitaria no CPR Hijas de Cristo Rey de Oleiros e no CPR Fogar de Santa Margarida da Coruña.

A administración da vacina corre a cargo de equipos de enfermaría das áreas sanitarias, que se desprazan aos propios colexios para facilitar o proceso. A vacina intranasal, pola súa sinxeleza e boa aceptación entre os máis pequenos, converte este proxecto nun modelo de vacinación escolar áxil e adaptado ás necesidades das familias.

O propósito final deste programa é reducir o número e a gravidade das complicacións derivadas da gripe na poboación infantil, minimizando o seu impacto na saúde das familias e na sociedade galega en xeral. Belén do Campo recalcou que “ a prevención segue a ser a mellor ferramenta para protexer a saúde pública e fortalecer o benestar colectivo.

Con esta iniciativa pioneira, Galicia reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis sa, solidaria e previda, promovendo unha cultura de vacinación segura, accesible e participativa, na que a colaboración das familias xoga un papel esencial para o éxito común.

Nos colexios seleccionados, a vacinación ofrécese de forma voluntaria ao alumnado. A meta é acadar unha cobertura do 70 % entre os nenos e nenas nados entre 2014 e 2022, matriculados nestes centros. En función dos resultados obtidos, a Xunta valorará ampliar o proxecto ao resto dos centros escolares en próximas campañas.

Campaña galega

Este ano, Galicia está dando un paso máis na protección da saúde da infancia coa posta en marcha deste programa piloto de vacinación intranasal.

Esta acción inscríbese na campaña xeral de vacinación infantil fronte á gripe, que por primeira vez se estende a todos os nenos e nenas de 6 meses a 11 anos, o que supón un total de arredor de 215.000 menores en Galicia. As familias que participen no proxecto piloto non precisarán pedir cita previa, xa que a vacinación realizarase directamente nas aulas.

Para a posta en marcha da campaña xeral, a Consellería de Sanidade xa enviou os primeiros SMS coas citas de vacinación nos centros de saúde e consultorios correspondentes. No caso das familias que participen no proxecto piloto escolar, non será necesario solicitar cita previa, xa que a administración da vacina realizarase directamente no centro educativo.

Centros educativos

O piloto realizarase nun total de 55 centros en Galicia, seleccionados para acadar unha representatividade dos estratos urbanos, semiurbanos e rurais das catro provincias, dos cales 22 son na provincia da Coruña, co obxectivo de achegar a vacina a preto de 19.000 escolares de 3 a 11 anos, dos cales case 9.500 son da provincia da Coruña. Ademais dos 9 centros da área sanitaria da Coruña e Cee, o CEIP Eusebio da Guarda, CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cerviño, CEIP Raquel Camacho e CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña); CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha); CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos); CEIP Fogar (Carballo); CPR Plurilingüe Andaina (Culleredo); e CPR Plurilingüe Hijas de Cristo Rey (Oleiros) ofrecen a vacinación voluntaria a 5.325 nenas e nenos.

Na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza son 11 os colexios participantes no programa piloto de vacinación nos centros escolares son: CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes (A Estrada); EEI do Milladoiro (Ames); CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario (Arzúa); CEIP Xesús Golmar (Lalín); CEIP Plurilingüe O Coto (Negreira); CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Ordes); CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso); CPR Plurilingüe Nosa Señora Inmaculada (Santa Comba); CEIP das Fontiñas e CPR Plurilingüe La Salle (Santiago de Compostela); e CPR Plurilingüe María Inmaculada (Silleda). En total, ofrecerase a posibilidade de vacinarse a 3.675 alumnas e alumnos.

Na área sanitaria de Ferrol dous os centros educativos participantes no programa son o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, ambos no concello de Ferrol, ofrecendo a posibilidade de vacinarse a 414 nenas e nenos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/10/2025