A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Xunta, Sofía López Linares, inaugurou esta mañá as XVIII xornadas sobre esta materia celebradas na Escola Galega de Administración Pública
Máis de 220 profesionais da sanidade pública afondan na abordaxe da saúde perinatal e reprodutiva
A lactación materna, a saúde menstrual e a educación afectivo-sexual centran boa parte da temática do encontro organizado polo Servizo Galego de Saúde
López Linares destaca as medidas que o Executivo está a impulsar para optimizar, dun xeito integral, a asistencia sanitaria que se ofrece ás mulleres galegas
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2025
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, inaugurou esta mañá as XVIII Xornadas de Saúde Perinatal e Reprodutiva, nas que salientou a importancia de incorporar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos da atención sanitaria.
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu un acto no que López Linares puxo en valor a recente publicación da guía A Saúde das mulleres en Atención primaria, un documento de apoio que ten por obxectivo impulsar e mellorar, dun xeito integral, os servizos sanitarios que se ofrece ás mulleres galegas.
Nesta liña, a directora xeral remarcou o compromiso da Xunta coa atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, avogando por achegar unha resposta sanitaria que se centre nas súas necesidades reais ao longo da vida.
Durante a súa intervención, a responsable sanitaria tamén destacou a calidade do programa científico desta xornada, na que se abordarán importantes temas como a lactación materna, a saúde menstrual, a educación afectivo-sexual no referido aos embarazos non desexados e as infeccións de transmisión sexual, ou os factores de morbilidade diferenciais entre homes e mulleres.
A xornada, organizada pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, contou coa presenza de máis de 220 profesionais do Servizo Galego de Saúde, destacando a participación do persoal de enfermería (xinecoloxía e obstetricia), de enfermería familiar e comunitaria, e dos técnicos en coidados auxiliares de enfermería (TCAE).