A Xunta declara 29 zonas farmacéuticas especiais para facilitar a viabilidade de boticas rurais e garantir o acceso da poboación a este servizo
A Consellería de Sanidade e os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia acordaron os criterios para identificar unha serie de localidades con características particulares de tipo xeográfico, demográfico e sanitario
Rueda salienta que 18 desas zonas pertencen á área sanitaria de Ourense e o resto, á de Lugo
Anuncia que o Executivo galego lanzará no 2026 unha nova liña de axudas para apoiar ás boticas rurais cun orzamento de case 100.000 euros
Celanova (Ourense), 20 de outubro de 2021
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe declarar 29 zonas farmacéuticas especiais que “contarán con apoios e medidas espacíficas para facilitar a viabilidade das boticas rurais”. “O obxectivo é garantir a prestación farmacéutica a todos os galegos, vivan onde vivan”, indicou.
En colaboración cos catro colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia e na procura de manter unha prestación farmacéutica de calidade e próxima ás diferentes áreas de atención continuada (PAC), o Executivo galego acordou establecer unha listaxe de localidades nas cales concorren unha serie características xeográficas, demográficas e de tipo sanitario.
Así, tal e como explicou o presidente, 18 destas zonas corresponden a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e once á área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. En concreto, establécense como zonas farmacéuticas especiais: A Gudiña, A Mezquita, A Peroxa, A Teixeira, As Nogais, A Veiga, Baleira, Baltar, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, Castrelo do Val, Cervantes, Chandrexa de Queixa, Folgoso do Courel, Larouco, Laza, Manzaneda, Montederramo, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Bolo, Ourol, Parada de Sil, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, San Xoán de Río e Vilariño de Conso.
Para a súa consideración como zonas farmacéuticas especiais, os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia e a Consellería de Sanidade acordaron unha serie de criterios, entre os cales se atopan: que a zona conte cunha densidade de poboación igual ou inferior a 10 habitantes por km2 e que dispoña dunha única oficina de farmacia; que todos os establecementos farmacéuticos da zona estean en situación de viabilidade económica comprometida ou, no caso das farmacias do rural, que non resulte posible a rotación de quendas de garda.
O acceso da poboación rural aos medicamentos e produtos farmacéuticos permite manter un nivel de atención sanitaria semellante á dos núcleos urbanos, e este representa un dos puntos considerados clave para o mantemento e a consolidación da poboación no ámbito rural.
Por este motivo, a declaración de zona farmacéutica especial suporá, entre outras cousas, a posibilidade de aplicar condicións especiais de distancia e tempo de acceso á oficina de farmacia durante a prestación do servizo de garda ou a opción de adoptar medidas especiais en relación coa prestación de atención farmacéutica nas residencias sociosanitarias de menos de 100 residentes.
Ademais, Rueda anunciou que a “Xunta convocará en 2026 unha liña de axudas específica para garantir a viabilidade das boticas rurais instaladas nunha destas zonas especiais”. Esta primeira orde contará cun investimento de 99.600 euros para o ano 2026.
Coa declaración das zonas farmacéuticas especiais, a Xunta continúa a impulsar novas medidas que inciden na mellora do sistema sanitario público galego, garantindo un servizo farmacéutico de calidade, máis sostible e que dá resposta ás necesidades do conxunto da poboación.